Mércores 23 de Outubro de 2019

A Xunta defende a importancia de adaptar a formación ás necesidades reais das empresas para impulsar a súa competitividade e promover un emprego de calidade


O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta tarde, no Carballiño, a unidade formativa de Gri Towers Galicia na que se imparten as especialidades de técnico de caldeirería, especialista en pintura e granallado e soldador mig-mag
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou esta tarde, no Carballiño, a unidade formativa para desempregados da empresa Gri Towers Galicia, onde un total de 45 alumnos se poderán formar nas seguintes especialidades: caldeirería, pintura e granallado e soldadura mig-mag. Na súa visita, o director xeral destacou a importancia de adaptar a formación ás necesidades reais das empresas para impulsar a súa competitividade e promover un emprego de calidade.

Precisamente, a Xunta, mantén aberta, ata o vindeiro 7 de outubro, a nova convocatoria das Unidades Formativas na Empresa para desempregados na que se invisten 3 millóns de euros co obxectivo de formar a 1500 parados a través de 100 cursos. As empresas beneficiarias comprométense a contratar polo menos ao 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida dentro do seu reto de contar cunha Galicia máis preparada. A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%.

Ademais dos cursos destinados a persoas desempregadas, poñeranse en marcha unidades formativas para que as empresas melloren a cualificación dos seus propios traballadores. Así, entra as dúas liñas, o Goberno galego destina 8 millóns de euros á nova edición das Unidades Formativas na Empresa, para que as compañías galegas poñan en marcha 500 unidades formativas para cualificar a arredor de 4500 persoas traballadoras e desempregadas, atendendo así ás demandas reais do tecido produtivo galego e poñendo o foco nos sectores estratéxicos da Axenda Industria 4.0.

Este programa é unha iniciativa pioneira que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Desde a súa posta en marcha en 2018, a Xunta leva destinado preto de 12,7M€ para formar a 7157 persoas desempregadas e ocupadas a través de 690 unidades formativas co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial, a cualificación dos traballadores, e a empregabilidade dos galegos e galegas.

Deja un comentario