Xoves 09 de Xullo de 2020

O Concello inicia a programación de actividades dos centros cívicos, con propostas para a cativada e as persoas adultas


Novas tecnoloxías, saúde e lecer e manualidades centran as propostas para maiores de idade, mentres que para a rapazada haberá actividades de luns a venres pola tarde e os sábados pola mañá

 

O Concello de Ourense pon en marcha a programación de actividades dos centros cívicos municipais para o curso 2019/2020, tanto as destinadas á cativada como ás persoas adultas. Desde o mércores, 25 de setembro, até o 2 de outubro, as persoas interesadas poderán realizar a inscrición naquelas propostas que lles resulten máis atraíntes, a través da páxina web www.ssociaiscursos.com, no Centro Cívico da rúa Colón ou na Oficina de Atención Cidadá, na planta baixa da Casa do Concello na Praza Maior.

Para persoas adultas, a programación deseñada pola Concellería de Política Social inclúe actividades lúdicas e formativas sobre novas tecnoloxías: informática, Internet básico e avanzado, uso de móbil e tablet, smartphones (iniciación e perfeccionamento), creación de páxinas web ou Photoshop; e outras de saúde e lecer, como ioga, kizomba, salsa, bachata, ximnasia abdominal hipopresiva, ximnasia de mantemento, ou manualidades e scrapbooking, que se desenvolveran nos centros cívicos de Colón, A Ponte, A Cuña, As Termas e Seixalbo. Todos os cursos para persoas adultas comezarán na semana do 18 de novembro, agás os de informática. A admisión comunicarase telefonicamente.

Cada persoa pode solicitar un máximo de 3 actividades, indicando a orde de preferencia. As prazas adxudicaranse por orde de entrada e, en segundo lugar, por orde de preferencia na actividade. Ë preciso que a persoa estea empadroada en Ourense.

Actividades infantís

Para nenos e nenas, os 5 centros cívicos ofertan actividades de luns a venres, de 17:30 a 20:00 horas para escolares que naceran entre 2010 e 2016, e os sábados, de 10:30 a 13:00h para alumnado de 4º de Infantil a 6º de Primaria. No centro da rúa Colón tamén se ofrece apoio escolar para alumnado de 5º de Primaria até 2º da ESO, 3 días á semana. As actividades infantís comezarán o día 1 de outubro e o prazo de inscrición estará aberto desde o 25 de setembro até cubrir todas as prazas.

Deja una respuesta