Mércores 23 de Outubro de 2019

2.000 documentos da historia e da lingua de Galicia, no berce da Ribeira Sacra


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na presentación do libro Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices, do filólogo Ramón Lorenzo, un volume de alto valor no ámbito da investigación e do coñecemento do galego medieval.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde no mosteiro de Montederramo na presentación do libro Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices, do que é autor o filólogo Ramón Lorenzo, un volume de alto valor no ámbito da investigación e do coñecemento do galego medieval. Baltar destacou do profesor Ramón Lorenzo o seu labor «nunca exento de tesón e de rigor, eixes dun investigador que ao longo da súa vida antepón, por riba de calquera outro fin, o estudo e a defensa da lingua desta nación cultural, principal trazo da nosa identidade».O acto contou, ademais do presidente da Deputación de Ourense, coa participación do autor; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; do alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez; de Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega (ILG), e de Andrés Rodríguez, párroco de Santa María de Montederramo. Tras as intervencións, tivo lugar unha actuación musical do grupo Manseliña, que interpretou varias pezas dos séculos XIII e XIV.O libro presentado hoxe é froito de décadas de traballo do investigador e filólogo Ramón Lorenzo, así como da colaboración da Xunta e o Consello da Cultura Galega (CCG), unidos para dar ao prelo este traballo esencial para o coñecemento do galego medieval.Manuel Baltar destacou o «amplo recoñecemento internacional no eido filolóxico» do profesor Ramón Lorenzo «un dos pais da lingüística e da filoloxía galegas, cofundador do Instituto da Lingua Galega, que sentou os alicerces dos estudos sobre o idioma propio de Galicia, grande mestre da Universidade Compostelá, que presenta a edición de preto de dous mil documentos, cos seus correspondentes apéndices».»Un labor «descomunal e ingrato», como el mesmo apunta na Introdución –dixo Baltar no seu discurso-, realizado ás veces «en condicións penosas». «Beizón, profesor Lorenzo, por realizar este acto no lugar que xerou esa importante prosa tabeliónica que será de grande utilidade, a partir de agora, en papel ou dixital, a quen queira afondar na historia, na filoloxía e noutros campos de investigación», expresou Manuel Baltar, engadindo que «para saber cara a onde imos, resulta imprescindible coñecer o que fomos e o que fixemos, máxima que animou a unha Xeración que marcaría un antes e un despois. Os homes de Nós, Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López-Cuevillas, aos que logo se unirían Cabanillas e Castelao, aquel 30 de outubro de 1920, no que «pra ledicia de todos e pra enseño de moitos» saíu do prelo, en Ourense, a revista Nós».Baltar agradeceu a Ramón Lorenzo «o seu enorme esforzo por desentrañar o pasado histórico e lingüístico dun territorio, tan noso e tan peculiar, centrado en Montederramo e que abranguía Castro Caldelas, Maceda e Manzaneda, que atravesaba as impresionantes serras de San Mamede, Queixa e das Corzas e que chegaba ata Allariz e a Limia, ata Monterrei e Verín, ensanchándose, polo que logo seria Raia Seca, por Albarellos, Oimbra, Tamaguelos, Mandín, Feces, Vilardevós ou Flor de Rei -como vostede nos ensina-, adentrándose en Portugal, sen que a fronteira política marcase límite nin barreiras».»Non quero desaproveitar esta ocasión –comentou Baltar- sen manifestarlle ás institucións culturais presentes, e ós persoeiros que nos acompañan, a dispoñibilidade de cooperación da Deputación de Ourense. Algo que vén de vello e que está no espírito e na letra xurídico-administrativa do noso goberno provincial. Non esquezamos, só por dar un exemplo, que foi a Deputación de Ourense, a través do Instituto de Estudos Padre Feijóo, organismo que imos recuperar, quen publicou a Tradución galega da Crónica Xeral e da Crónica de Castela, magna obra, tamén, de Lorenzo Vázquez».O presidente da Deputación dixo que a Ourensanía «significa aposta pola cultura desde unha nídia perspectiva galeguista, sen epítetos nin apelidos. O galeguismo como cerne da nosa acción política. Se somos galegos é porque nos sentimos ourensáns; nós non renunciamos a nada, aspiramos a todo. Respectamos e honramos a quen nos respecta». E rematou manifestando «a miña satisfacción polo recente Plan Estratéxico para a protección paisaxística, ambiental e urbanística da Ribeira Sacra, plan que beneficiará a 25 concellos de Ourense e de Lugo, entre os que está, como non, Montederramo. Importante pulo que axudará, entre outras accións, a recuperar esta fermosa xoia artística na que nos encontramos. Aquí vos agardamos en 2021, para celebrar a Declaración da Ribeira Sacra, por parte da UNESCO, como Patrimonio da Humanidade», concluíu o presidente Baltar.Pola súa banda, Valentín García saudou «con enorme satisfacción a publicación desta obra autenticamente monumental, que é a culminación de 40 anos de rigorosidade intelectual e de traballo constante a prol da lingua de Galicia desde o ámbito dos estudos medievais, nos que Ramón Lorenzo creou escola. O profesor agasállanos hoxe cunha colección de case 2.000 documentos que é toda unha regalía para os estudosos da nosa historia e da nosa lingua, unha fonte fundamental para ampliar o coñecemento sobre o que fomos e o que somos hoxe os galegos e as galegas». «Con esta publicación remata un labor de décadas dedicadas a editar con primor filolóxico e pór a disposición de toda a comunidade a colección de documentos de Santa María de Montederramo», dixo.Na mesma liña, Rosario Álvarez expresou que se trata «dunha colección dunha riqueza extraordinaria polo seu número e unha crónica de vida da época nunha ampla área de influencia».A obra, en soporte mixto papel-CD, contén a edición de toda a colección documental do mosteiro de Santa María de Montederramo, desde o primeiro texto que se conserva (de 1124) ata os últimos escritos en pergamiño no século XVI (1560), ata completar un total de 1880 documentos, seguidos de dous longos apéndices que conteñen dúas cartas executorias de 1520 e 1606 que reproducen moitos dos textos anteriores. O volume inclúe ademais un índice antroponímico, outro toponímico e unha extensa introdución na que figuran notas de carácter histórico, as normas de transcrición e consideracións sobre características ortográficas e lingüísticas.Edítase no marco do proxecto «Gallaeciae Monumenta Historica», un repositorio de documentación histórica desenvolvido e promovido polo CCG coa participación e colaboración de institucións coma o Centro Ramón Piñeiro (Xunta de Galicia), o ILG, a Real Academia Galega e o Instituto de Estudos Galegos «Padre Sarmiento» do CSIC.

Deja un comentario