Mércores 23 de Outubro de 2019

A Xunta traballa no acondicionamento das marxes da estrada OU-402, na contorna das termas de Outariz


A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou os traballos de mellora que a Consellería de Infraestruturas está a desenvolver nesta estrada para incrementar a seguridade das persoas que se achegan ás instalacións, xa que en ocasións camiñan pola calzada ou saltan a barreira

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematará dentro de 3 semanas o acondicionamento das marxes da estrada OU-402 co fin de facilitar o acceso dos peóns ás termas de Outariz en condicións de maior seguridade. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse ata a zona para supervisar a actuación, acompañada da xefa territorial de Infraestruturas, Alicia López Míguez.

Nesta estrada, no punto quilométrico 3+800 está a pasarela de Outariz para cruzar o río Miño e acceder ás termas. Segundo explicou a delegada territorial, a Xunta está a acometer estas melloras neste punto para “incrementar a seguridade viaria das persoas que se achegan a estas instalacións, xa que en ocasións camiñan pola calzada ou saltan a barreira metálica de protección”.

Os traballos comezaron a finais de agosto. O proxecto inclúe a adecuación da zona de aparcadoiro na marxe esquerda, coa súa zona de circulación de persoas por detrás, a modo senda, para evitar que camiñen pola calzada nunha lonxitude de 350 metros. Na marxe dereita baixaranse a barreira metálica en dous puntos e acometeranse baixadas tendidas cara a pasarela para facilitar o tránsito seguro e cómodo dos visitantes ás termas.

As obras tamén contemplarán a mellora de sinalización horizontal, balizamento e a reposición dalgunha defensa metálica.

Díaz Mouteira subliñou que a Xunta continúa traballando na rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras que redunden na mellora da súa calidade de vida.

Deja un comentario