Sábado 21 de Setembro de 2019

O programa Im-posible, para mozos de 16 a 30 anos, promove a imaxinación e a creatividade para fomentar un liderado xuvenil


 

Realizarase os vindeiros 17, 18, 19, 24 e 26 setembro en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas no Espazo Lusquiños da Mocidade

 

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense presentou esta mañá, en rolda de prensa, unha iniciativa para implicar a xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual. Para iso pon en marcha o programa Im-posible, que trata de promover a imaxinación e a creatividade dos mozos e mozas para fomentar un liderado xuvenil que ademais contaxie actitudes de compromiso e de innovación social entre o resto da mocidade. “É fundamental pór en marcha iniciativas dirixidas a facilitar a participación da xuventude en actividades relacionadas co emprendemento e a empregabilidade, que fomenten a inclusión social e laboral”, resumía Flora Moure, concelleira de Xuventude.

Os aspectos salientables ou innovadores do programa son a participación dos propios mozos/as na elección da metodoloxía, deseño do proxecto e redacción da proposta; a aplicación transversal e coordinación entre distintas áreas de goberno municipal; e o emprego de metodoloxías innovadoras, como o design thinking, a metodoloxía de traballo adoptada por empresas de referencia, ou Lego Serious Play.

O obxectivo xeral, segundo Daniel Diéguez, docente do programa, é “potenciar as actitudes e aptitudes propias do líder que exerce unha influencia positiva nas contornas nos que se move”. Así mesmo, promover a imaxinación e a creatividade, como elementos fundamentais para a innovación, desenvolver as competencias e habilidades que permitan compartir ideas e proxectos de xeito exitoso, e “xerar unha marca persoal e profesional que potencie as fortalezas persoais e incremente a súa empregabilidade”.

Realizarase os vindeiros 17, 18, 19, 24 e 26 setembro en horario de tarde, de 16:00 a 21:00 horas no Espazo Lusquiños da Mocidade. Para anotarse é preciso dirixirse á Concellería de Xuventude, na praza de San Martiño 2, ou a través do enderezo electrónico xuventude[arroba]ourense.es ou no teléfono 988.388.154

Deja un comentario