Sábado 21 de Setembro de 2019

Aprobadas as bases do concurso da Sección Fas Muvis do 24º OUFF


A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou tamén a programación anual e os prezos públicos da Escola Provincial de Artes e Oficios e da Escola de Gaitas para o curso 2019-2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe as bases reguladoras do concurso da 24ª edición do Ourense Film Festival – Sección Fas Muvis. Límite 48H. O concurso consiste na realización, por equipos, dunha peza audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado. Para elo, cada equipo terá un orzamento pechado para a realización da obra.

O certame conta con dúas categorías: Fas Muvis e Fas Muvis Escolas e deberán inscribirse por equipos, sendo o máximo de 10 equipos competindo (sete na categoría xeral e tres na categoría escolas). Cada equipo estará formado por un máximo de cinco membros que non poderán ser maiores de 28 anos. Na categoría de Escolas, cada equipo estará formado tamén por un máximo de cinco membros pero de entre 16 e 22 anos, orientado a alumnado de Bacharelato e FP. Nesta categoría serán necesarios dous maiores de idade por equipo ou un docente responsable.

Os equipos deberán aportar un documento cun breve CV de cada integrante, unha proposta de idea e unha sinopse e todo elo non debe superar as tres páxinas. A organización fará a selección dos equipos concursantes atendendo aos CV dos membros, á calidade do proxecto e a adaptación ás bases do relato proposto. Cada equipo seleccionado será o responsable de conseguir o material técnico que considere necesario para o desenvolvemento do seu proxecto.

Os interesados en participar teñen como data límite para entregar as propostas o día 17 de setembro e a lista de seleccionados farase pública o día 18 de setembro. Os equipos en competición deberán presentarse o 27 de setembro ás 17.00 horas no centro cultural “Marcos Valcárcel” para proceder á entrega de credenciais e á explicación detallada das bases do concurso. O tempo de preprodución comezará desde o momento que se nomeen os equipos seleccionados e haberá 48 horas para a gravación, desde o 27 de setembro ás 20.00 horas ata o 29 de setembro ás 20.00 horas. Ademais, os equipos contarán con tres días para a montaxe, que serán desde o 29 de setembro ao 2 de outubro ás 20.00 horas. A obra definitiva terá que estar subida, antes das 23.59 horas do 3 de outubro, á plataforma que a organización teña indicado.

O proxecto proposto terá que estar relacionado coa cidade de Ourense e deberá destacar os valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais da contorna, valorándose favorablemente a transmisión de valores sociais positivos. A peza deberá ter unha duración mínima de tres minutos e máxima de dez minutos, e pode ser de ficción, documental, reportaxe ou promocional, pero deberá ser rodada integramente en Ourense e o 40% deberá gravarse nos exteriores da cidade ou na súa contorna. A obra deberá ser en lingua galega, incluídos os créditos e a información textual, e no caso de ser noutro idioma deberá ter subtítulos en galego. Ademais comezará e finalizará co logotipo do OUFF, que será facilitado pola organización.

Dos proxectos enviados serán seleccionados dez que pasarán á fase de concurso, sete na categoría xeral e tres na categoría escolas. Para a súa selección valorarase a viabilidade do proxecto, a orixinalidade da idea presentada e a adecuación á representación dos valores arquitectónicos, sociais, históricos, etnográficos ou naturais da contorna da cidade de Ourense.

En canto ao orzamento, cada equipo terá un máximo de 500 euros para a realización da peza, entregaránselle 300 euros ao produtor de cada equipo no momento da entrega das credenciais e os outros 200 euros serán ingresados por transferencia bancaria despois da entrega da peza audiovisual, sempre e cando se adapte ao proxecto presentado e cumpra as bases do concurso. Os equipos presentarán xunto coa entrega da peza unha memoria de produción do desenvolvemento do proxecto que levará unha parte diario de traballo no que se expliquen como se organizaron, o orzamento e os tempos. O orzamento poderán gastalo nas partidas que o equipo considere necesarias: material técnico, aterezo, manutención, actores, desprazamentos, aloxamento…

Os premios serán, na categoría Fas Muvis, de 600 euros para o primeiro e de 200 euros para o segundo premio, mentres que, na categoría de Fas Muvis Escolas, haberá un único premio dotado con 400 euros. Os dereitos de explotación non comercial das obras premiadas serán cedidas á Deputación para a súa promoción. O sábado, 5 de outubro, na sesión de peche do OUFF, o xurado outorgaralles os premios aos gañadores e proxectaranse as obras galardoadas.

Programación anual e prezos públicos

A Xunta de Goberno aprobou tamén a programación anual e os prezos públicos da Escola Provincial de Artes e Oficios e da Escola de Gaitas para o curso 2019-2020. No relativo á Escola Provincial de Artes e Oficios, a súa programación anual contempla as seguintes accións formativas: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla e escultura en madeira, modelado-escultura en barro e oleiría. O calendario do curso será do 1 de outubro de 2019 ata o 30 de xuño de 2020 e impartiranse dúas horas de docencia diarias de cada disciplina en días hábiles, de luns a venres, e en horarios que fixará a dirección da Escola.

As clases desenvolveranse nas aulas da Escola empregando os medios e materiais dispoñibles, non obstante, o material de traballo de cada alumno será por conta deste. O prazo para inscribirse será desde o 1 ao 30 de setembro, e poderá realizarse no centro cultural “Marcos Valcárcel”. Poderá matricularse alumnado a partir dos 12 anos de idade. O prezo da matrícula será de 50 euros por disciplina e de 10 euros o abono mensual. Haberá unha bonificación do 100% para os alumnos desempregados, para as persoas con síndrome de Down e para as persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.

Pola súa parte, a Escola de Gaitas da Deputación presenta unha programación anual para o curso 2019-2020 que ofrece as seguintes accións formativas: ciclo elemental gaita, ciclo medio gaita, ciclo superior gaita, curso para adultos de gaita, percusión, canto e pandeireta, curso para adultos de canto e pandeireta, e zanfona. As ensinanzas de gaitas estrutúranse en tres ciclos (elemental, medio e superior). O ciclo elemental componse de dous cursos, o medio de tres cursos e o superior de catro cursos. As ensinanzas de percusión teñen un único ciclo dividido en tres cursos, mentres que as ensinanzas de canto e pandeireta estrutúranse en dous ciclos: elemental (dous cursos) e superior (tres cursos). Ademais, ofértanse cursos especiais para adultos nas disciplinas de gaita, percusión e canto e pandeireta.

Os cursos iniciaranse o 1 de outubro e finalizarán o 30 de xuño, impartíndose hora e media semanal por materia, á parte do mesmo tempo de ensaio semanal e actuacións coas distintas agrupacións da escola. O prazo de matrícula comezou o 3 de setembro e prolongarase ata o 30 de outubro de 2019. O prezo da matrícula é de 40 euros por curso académico e materia pero, en caso de varios membros da mesma unidade familiar, o primeiro membro pagará 40 euros por matrícula e os restantes 15 euros cada un deles. Aplicarase tamén unha bonificación do 100% ao alumnado desempregado ou fillos de desempregados.

Por último, na reunión aprobouse unha axuda de 192.000 euros para Xamalu Filmes, para a rodaxe íntegra na provincia de Ourense de “Olvido y León”.

Deja un comentario