Sábado 21 de Setembro de 2019

Díaz Mouteira considera fundamental apoiar a conciliación e mellorar os recursos de atención primaria nos concellos do rural para fixar poboación


A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou hoxe o Punto de Atención á Infancia (PAI) da Arnoia que recibiu o ano pasado achegas autonómicas por case 29.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, considera fundamental mellorar os centros da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos que xa veñen funcionando, o que repercutirá na mellora da calidade da atención recibida, ademais de apoiar a conciliación e contribuír a fixar poboación no rural. Así o manifestou na visita que realizou esta mañá ao Punto de Atención á Infancia da Arnoia que executou obras de mellora e adquiriu novo material con este obxectivo, ao abeiro da resolución das axudas do pasado ano á mellora das escolas infantís e puntos á atención da infancia (PAI) dependentes das corporacións locais.

Díaz Mouteira aproveitou esta visita para informar de que a Xunta destinará este ano 712.000 euros á mellora destes recursos de atención primaria. Así explicou que ata o vindeiro 23 de setembro permanecerá aberta a actual convocatoria de achegas. Cada entidade poderá recibir unha axuda máxima de 35.000 euros: 20.000 para obras de adecuación, mellora e accesibilidade da escola; e 15.000 euros para a compra de equipamento e de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías nas aulas, tales como ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Na súa intervención a delegada territorial lembrou que na convocatoria do pasado ano, na provincia de Ourense foron beneficiados cinco Puntos de Atención da Infancia (pertencentes aos concellos de A Arnoia, Boborás, Riós, Vilar de Santos e Vilariño de Santos) e catro Escolas Infantís (dos municipios de Barbadás, Maceda, Melón e San Cibrao das Viñas).

No caso do centro da Arnoia, a Xunta concedeulle case 29.000 euros para obras de acondicionamento, adquisición de mobiliario e de novas tecnoloxías con cargo a esta orde de axudas, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Rodrigo Aparicio, e pola xefa territorial de Política Social, María José Fernández, a delegada comprobou as melloras realizadas neste centro, que consistiron en obras menores de mellora da carpintería exterior e iluminación, así como outras que aumentaron a accesibilidade. Tamén se adquiriu novo material didáctico e de xogo, así como dispositivos para a integración de novas tecnoloxías na aula (papel dixital, microcadena e videocámara).

A representante do Goberno galego en Ourense enmarcou a colaboración da Xunta cos concellos galegos que conten cunha escola infantil (0-3 anos) ou un punto de atención á infancia (PAI) e precisen adecuar ou mellorar estes centros con novos equipamentos, servizos e/ou material educativo, na liña de apoios que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN) da Xunta.

Este é o cuarto ano consecutivo no que a Xunta habilita esta liña de financiamento á mellora de centros de atención á infancia que son xestionados polas corporacións locais. Deste xeito, a Administración autonómica atende á totalidade da rede galega de recursos para menores de 0 a 3 anos, en sexa de titularidade autonómica, municipal ou de iniciativa social. O obxectivo é que as nenas e os nenos teñan as mellores instalacións, favorecendo ambientes adecuados ás súas necesidades.

Deja un comentario