Sábado 21 de Setembro de 2019

A Xunta e o concello de Pereiro de Aguiar acordan dar inicio cos trámites para a creación dun Centro de Información á Muller


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta mañá unha xuntanza co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor
A secretaria xeral da Igualdade,Susana López Abella, mantivo esta mañá unha xuntanza co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, onde ambos acordaron dar inicio cos trámites de creación dun Centro de Información á Muller (CIM) neste concello ourensán.

Susana López Abella manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

Esta decisión pon de novo en valor a importancia dos CIM e o seu papel como porta de entrada e apoio ás mulleres en situación de vulnerabilidade. Ademais esta iniciativa parte dos propios concellos, o que evidencia a necesidade da concienciación dos municipios na implantación deste tipo de centros.

A secretaria xeral destacou que os CIM fan un importante labor en atención especializada e asesoramento xurídico e psicolóxico en casos de violencia de xénero (denuncias, ordes de protección, ordes de afastamento…), xestión de aloxamento alternativo, tramitación de teléfono móbil de teleasistencia para as vítimas, xestión dos recursos necesarios nestes casos, apoio psicolóxico e colaboración con outros servizos de intervención en casos de violencia de xénero, como a Garda Civil, casa de acollida, servizos públicos sanitarios ou xurídicos.

Accións de Igualdade e prevención da Violencia contra as mulleres
Ademais, no seo da reunión, Luis Menor deu conta á titular de Igualdade do programa de sensibilización, información e difusións sobre Igualdade e prevención da Violencia contra as mulleres que se levará a cabo no concello durante estes últimos meses do ano. Concretamente son 9 accións destinadas aos nenos e nenas mais pequenos como á cidadanía en xeral.

Deja un comentario