Sábado 21 de Setembro de 2019

Un congreso internacional analizará o papel dos balnearios no desenvolvemento socioeconómico dos territorios


 

O simposio, “Termalismo 2021-2027: dinamización dos territorios e reto demográfico”, celebrarase os días 17 e 18 de setembro no Balneario de Lobios

O Balneario de Lobios acollerá un congreso internacional que baixo o título “Termalismo 2021-2027: dinamización dos territorios e reto demográfico”, analizará o papel dos balnearios no desenvolvemento socioeconómico dos territorios nos que están situados. Este simposio, que terá lugar os días 17 e 18 de setembro, está organizado polo proxecto “Raia Termal”, co liderado da Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e os municipios transfronteirizos de Terras de Bouro e Melgaço.

A presentación deste evento formativo tivo lugar hoxe na sala de xuntas da Subdelegación de Goberno en Ourense e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da CH Miño-Sil, José Antonio Quiroga; e o concelleiro de Economía e Turismo da Cámara Municipal de Melgaço, José Adriano Lima.

Trátase dun evento internacional que pretende converterse “nun espazo de reflexión sobre a procura de fórmulas de cooperación para manter e incrementar a contribución do sector termal ás economías dos pequenos municipios nos que se asentan maioritariamente estas instalacións”, explicou Rosendo Fernández.

O Congreso resaltará “o valor social do sector e dará visibilidade á importancia da actividade económica que xera”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, quen lembrou que se trata dun sector que “fixa poboación e emprego no rural, onde o termalismo permite combater os desequilibrios demográficos”.

Pola súa parte, o presidente da CHMS destacou a relevancia deste congreso e a gran acollida que tivo afirmando que “o primeiro día que se abre o prazo para participar no evento, xa se apuntaron 60 persoas a nivel internacional”. Ademais, neste mesmo sentido salientou que participarán nel persoas procedentes de 17 países: España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido, Alemaña, Croacia, Arxentina, Brasil, Costa Rica, Colombia, México, Chile, Ecuador, Panamá, Tailandia e Emiratos Árabes. “Isto demostra a importancia do termalismo como un dos piares do desenvolvemento sostible do mundo rural tan golpeado polo envellecemento, o despoboamento, a falta de nacementos e, neste contexto, a actividade termal é un elemento fundamental para o desenvolvemento destas zonas”, sinalou José Antonio Quiroga.

No congreso participarán relatores internacionais expertos na materia e, “froito da relevancia do evento, tamén estarán presentes dous Secretarios de Estado: o de Turismo de Portugal e o de Medio Ambiente de España”, engadiu o presidente da CHMS. Mentres que, José Adriano Lima dixo que este evento internacional amosará a importancia dos balnearios termais, “fontes de riqueza”, na dinamización dos territorios, así como a relevancia destes proxectos para combater o reto demográfico.

Raia Termal

Este congreso atópase dentro das actuacións do proxecto “Raia Termal”, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Este proxecto pretende poñer en valor os recursos naturais termais e vertebrar de xeito conxunto as iniciativas de xestión e comercialización para crear un único destino termal de fronteira e contribuír así ao desenvolvemento do termalismo e favorecer o turismo de calidade na zona transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal.

Deja un comentario