Sábado 21 de Setembro de 2019

Entrega dos premios da XV edición do Certame de Artes Plásticas


 

O vicepresidente da Deputación de Ourense participará no acto no centro cultural “Marcos Valcárcel”, que terá lugar ás 20.15 horas

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participará hoxe no acto de entrega dos premios da XV edición do Certame de Artes Plásticas, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, a partir das 20.15 horas. Este certame, convocado pola Deputación de Ourense para artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, galardoou nesta XV edición ao artista David Rodríguez Casas (David Catá), quen recibirá hoxe o primeiro premio dotado con 3.000 euros pola súa obra “Piano”.

O segundo premio do certame, dotado con 2.000 euros, recaeu na obra “S/T incompatibles”, traballo da autora ourensá María del Mar Ramón Soriano, e o terceiro premio, dotado con 1.000 euros, foi para David Fidalgo Omil pola obra “Los dinosaurios nunca se extinguieron”.

Asemade, este certame, un dos máis consolidados e prestixiosos de Galicia, conta con dous accésits de 500 euros cada un deles, que foron para Sol Mussa Juane coa súa obra “Pintura cubrinte” e para María García Fernández polo traballo “Erosión Desplegada. La erosión construye montañas”.

O xurado que elixiu aos premiados nesta edición estivo integrado por Paula Cabaleiro Comesaña, Ángel Cerviño López, Juan Carlos Román Redondo, Eva Torres Rodríguez, e en calidade de secretario do xurado, o director do centro cultural, Francisco González Bouzán.

Este certame que convoca a institución provincial co obxectivo de promover e apoiar aos novos valores nos distintos eidos das artes plásticas está destinado a premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. O xurado do certame destacou o “elevado nivel de calidade dos traballos presentados”. En total presentáronse a esta XV edición setenta traballos procedentes de tódalas provincias galegas e de diferentes puntos da xeografía española.

Deja un comentario