Sábado 21 de Setembro de 2019

A Xunta realiza obras no CEIP de Castrelo do Val para dotalo dun ximnasio interior grazas a un investimento de máis de 45.000 euros


Estas actuacións execútanse ao abeiro do Plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) que beneficiará a centros de Primaria e de Secundaria de 21 concellos da provincia ourensá

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ven de executar, aproveitando o período non lectivo dos meses de verán, obras de adaptación de espazos para a creación dun ximnasio no CEIP Plurilingüe do concello ourensán de Castrelo do Val. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada da xefa territorial de Educación, Luz Fernández Quintas, desprazouse hoxe ata este centro educativo e comprobou in situ o desenvolvemento dos traballos.

Díaz Mouteira explicou que esta obra se executa ao abeiro do plan anual de obras de rehabilitación, ampliación e mellora (RAM) elaborado desde a Xefatura Territorial do departamento educativo e que se realiza durante as vacacións de verán co fin de non interferir na actividade académica.

A actuación responde á necesidade do centro de contar cun espazo interior para a realización de actividades físicas e de psicomotricidade dos nenos pequenos.

A obra consistiu na adaptación e ampliación dun espazo en desuso, que eran os antigos vestiarios do centro. Así, elimináronse todos os tabiques de partición existentes e picouse o azulexo das paredes, e ampliouse cara o exterior, nuns 45 m2, acadando unha superficie útil total de preto de 70 m2. Ademais, dotouse ao local con novos acabados de chan e paredes axeitados ao novo uso.

Con esta actuación trátase de dar resposta a esta necesidade demandada dende hai tempo pola comunidade educativa.

A delegada territorial salientou o esforzo inversor da Administración autonómica en acondicionamentos e melloras dos centros escolares da provincia, co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades.

En Ourense, enmarcados dentro do programa RAM durante este verán estanse a executar obras en centros de Primaria e de Secundaria de 21 concellos da provincia.

Os proxectos previstos no RAM vénse complementados coa execución doutros traballos de maior envergadura. A representante autonómica subliñou o compromiso do Goberno galego co benestar da comunidade escolar e afirmou que “investir en equipamento é tamén investir en calidade”.

Eficiencia enerxética e rehabilitación integral
Así, recordou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional está a desenvolver un total de cinco obras de rehabilitación integral noutros tantos centros da provincia de Ourense ao abeiro dos fondos de superávit, por un importe total de case 4,5 millóns de euros. Os centros escollidos na provincia son: o CEIP Condesa de Fenosa, no Barco de Valdeorras; o CEIP Calvo Sotelo, no Carballiño; o CEIP de Prácticas e o IES O Couto, na cidade das Burgas; e, por último, o CEIP Princesa de España, en Verín.

A estes cinco proxectos súmanse as actuacións contempladas dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha en 2016 en toda Galicia e que continuou no presente exercicio con obras no CPI Terras de Maside e no CIFP Portovello, da cidade das Burgas, cun orzamento dun millón de euros.

Deja un comentario