Sábado 21 de Setembro de 2019

Preto de 150 deportistas daranse cita no 14º “Octopus Hockey Festival”


 

A Deputación de Ourense colabora con este torneo que se desenvolverá do 6 ao 8 de setembro, no campo sintético de hóckey herba en Mariñamansa

O 14º “Octopus Hockey Festival” reunirá a preto de 150 deportistas veteranos de diferentes países de Europa, do 6 ao 8 de setembro, nas instalacións de Mariñamansa, nesta XIV edición do Open Internacional de Veteranos, incluído desde o ano 2007 no Circuíto Europeo de Veteranos de hóckey herba da Federación Europea de Hóckey. A presentación desta competición tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; e o vicepresidente, secretario e vogais do Club Deportivo Open, Alberto Estévez, Javier Valencia, Francisco Javier Masid e Carlos Domínguez, respectivamente.

A Deputación de Ourense colabora con esta competición que ten vocación “de constituírse como punto de encontro e referente a nivel internacional de competición masculina e feminina do hóckey herba veterano”, dixo Rosendo Fernández, quen destacou a vertente social e turística deste evento que ofrece aos participantes actividades complementarias á competición para dar a coñecer a riqueza cultural, patrimonial e termal do noso territorio.

Este torneo, destinado a tódolos deportistas federados e afeccionados do hóckey herba europeos na modalidade de maiores de 35 anos masculino e de 30 anos feminino, terá como anfitrión ao Club Deportivo Open. Nesta edición participarán deportistas galegos, madrileños, holandeses, alemáns e portugueses. A competición desenvolverase en dúas liñas, tal e como explicou Javier Valencia, na masculina faranse dous grupos de catro equipos e na feminina será un grupo único con tres equipos que competirán entre eles. O sorteo para a distribución dos equipos por grupo realizouse ao remate da presentación.

Deja un comentario