Martes 22 de Setembro de 2020

Manuel Baltar visita o renovado campo de fútbol de Vilariño


 

O presidente da Deputación de Ourense, acompañado polo alcalde do Pereiro de Aguiar, visitaron esta infraestrutura deportiva trala instalación de céspede artificial na mesma

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, visitou o campo de fútbol de Vilariño trala instalación no mesmo de céspede artificial. O investimento destinado para estas actuacións ascende aos 340.000 euros, dos cales a Deputación de Ourense achegou preto de 240.000 euros.

O presidente do goberno provincial salientou que estas obras son froito da colaboración entre a institución provincial e o concello do Pereiro de Aguiar que permite que “o campo de fútbol do Vilariño e, polo tanto, a veciñanza desta localidade, teñan a súa disposición unhas modernas instalacións deportivas que contribúan a seguir potenciando o deporte base e a actividade física no municipio do Pereiro de Aguiar”. Ademais, Manuel Baltar adiantou que “non é o único campo de fútbol que vamos a ver empezar a funcionar nestes días porque está tamén pendente outro que proximamente iremos a visitar neste concello, un dos municipios con máis futuro da provincia de Ourense”.

Esta mellora en infraestruturas deportivas é o resultado dun “traballo conxunto entre administracións cun obxectivo claro: apoiar ao deporte base, a un club e a unha localidade cunha tradición futbolística de moitas décadas que hoxe ven recoñecido o seu traballo grazas a este convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e o Concello do Pereiro de Aguiar”, sinalou Baltar.

Neste mesmo sentido, o alcalde do Pereiro de Aguiar dixo que estas actuacións supoñen “un importante avance no apoio ao deporte, un dos obxectivos estratéxicos do equipo de goberno” dun concello que se atopa “en crecemento poboacional e onde o deporte é un piar fundamental”. “Estas melloras vai a permitirnos desenvolver o fútbol base, e constituírnos nun municipio pioneiro en canto a instalacións”, engadiu Luis Menor.

A instalación de céspede artificial no campo do Vilariño supón unha importante mellora “para unha parroquia eminentemente futbolística e que alberga a un dos clubs decanos da provincia e, polo tanto, é unha mostra máis dos avances que se están a realizar en materia deportiva con este salto á modernidade”, sinalou o alcalde do Pereiro de Aguiar.

Deja una respuesta