Venres 14 de Agosto de 2020

A Concellería de Urbanismo comprométese a axilizar a tramitación e resolución de expedientes sobre ruídos no Centro Histórico


 

A concelleira Sonia Ogando mantivo unha reunión con representantes da Asociación O Cimborrio, pertencente á Plataforma Nacional contra o Ruído, no que analizaron o mapa acústico da zona e amosou a súa disposición a facilitar que a zona sexa máis sustentable baixando os niveis de ruído e respectando a contorna, mobiliario urbano, xardíns, etc.

 

A concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, acompañada por técnicos municipais, reuniuse esta semana con representantes da asociación O Cimborrio -pertencente á Plataforma nacional contra o Ruído-, no que quedou patente o compromiso deste departamento municipal de axilizar a tramitación e resolución de expedientes sobre ruídos no Centro Histórico.

O colectivo entregou un mapa acústico elaborado pola propia organización baseado nas licenzas e expedientes no que se detallan os bares, cafeterías e pubs, así como os incumprimentos respecto a horarios de peche, exceso de volume, consumo de alcol na rúa e normativas de seguridade, así como as consecuentes sancións derivadas das infraccións administrativas.

A concelleira Sonia Ogando comprometeuse a analizar o mapa acústico da zona e amosou a súa disposición a facilitar que a zona sexa máis sustentable baixando os niveis de ruído e respectando a contorna, mobiliario urbano, xardíns, etc: “Garantir a calidade de vida da veciñanza é a nosa máxima prioridade, sinala, xa que o tema dos ruídos debe ser abordado desde un punto de vista sanitario, pois vulnera o dereito fundamental á saúde da veciñanza, o dereito á intimidade persoal e familiar no ámbito domiciliario, á integridade e ao medio ambiente, e á calidade de vida . A exposición a ruídos conculca dereitos dos veciños tal e como sostén o Tribunal de Dereitos Humanos, o Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo.

Aínda que desde o colectivo son conscientes que a época electoral e o verán influíron moito, solicitan unha maior axilidade na tramitación e resolución de expedientes para avanzar máis rápido na consecución dun barrio sustentable baixando os niveis de ruído e respectando a contorna, algo ao que se comprometeu a concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando.

Deja una respuesta