Sábado 21 de Setembro de 2019

A Xunta avalía co concello de Cenlle medidas que impulsen o emprendemento e a actividade turística


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha reunión co alcalde da localidade ourensá, Gabriel Alén Castro

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza co alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro, na que abordaron, entre outros temas, medidas que poidan impulsar o emprendemento e a actividade turística na zona. Conde destacou a aposta que a Xunta está realizando por fixar poboación no rural a través de medidas que fomentan a creación de emprego e apoian a cultura emprendedora en todos os concellos galegos axudando a dinamizar a súa economía e puxo en valor o interese amosado por Cenlle para participar neste tipo de iniciativas.

Neste sentido, referiuse na reunión ás vantaxes que ofrece ser Concello Emprendedor como é o caso de Cenlle. Pertencer a esta iniciativa da Xunta permite aos concellos ter prioridade en programas de axudas vinculadas ao emprego e a formación, á dinamización comercial ou á eficiencia enerxética. A cambio, o Concello comprométese a rebaixas nos impostos locais de ata o 95% e a ofrecer máis facilidades no eido da tramitación administrativa para favorecer a captación de novas empresas e novos investimentos no municipio. Adherirse a este convenio que a Xunta ten firmado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é, segundo Conde, mostrar interese pola dinamización da actividade económica e empresarial do rural en Galicia.

Conde, ademais destacou os programas de emprego que a Administración autonómica está a impulsar co obxectivo de incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, con especial atención ao rural, e para ofrecer unha formación á carta, flexible e dual e adaptada ás demandas do tecido empresarial. É o caso de iniciativas como os programas de Aprol Rural -para a contratación de desempregados-, axudas das que o Concello de Cenlle foi é beneficiario. Tamén recibiu outros apoios vinculados coa contratación de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e para a promoción do emprego autónomo.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu desde 2009 no Concello de Cenlle máis de 1,1 millóns de euros para apoiar, entre outros, a creación de postos de traballo no rural e a dinamización da actividade económica na zona.

Deja un comentario