Venres 15 de Novembro de 2019

Miguel Caride lamenta a actitude do grupo do PSOE nas xuntas de área sobre a integración ferroviaria


 

 

O concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, reformúlase a utilidade das xuntas de área “porque nestas reunións”, afirma, “que se celebran a porta pechada, sen prensa, non existe debate político senón que serven para compartir información, manter comunicación e diálogo fluído, así como buscar puntos de colaboración e recoller demandas dos grupos”. Sen embargo, “son utilizadas para facer descualificación política, considerando e sostendo publicamente que a información compartida, de forma privada, é mentira”, sostén o edil en relación ao grupo municipal do PSOE.

“Estas xuntas”, di Caride Domínguez, “perden o seu sentido, xa que existen outros mecanismos para solicitar formación oficial, neste caso escrita, e un foro de debate público que é o Pleno”. Estas actitudes, lamenta, “condicionan claramente a información que se facilite na Xunta de Area facendo que a mesma perda o seu sentido”.

Integración ferroviaria. As declaracións do responsable de Infraestruturas veñen logo da Xunta de Área na que se lles trasladou aos grupos políticos municipais a situación actual da integración ferroviaria exposta por técnicos de ADIF nunha reunión da comisión de seguimento celebrada en Santiago.

Caride resumiulles nesa xuntanza o que os citados técnicos dixeron sobre as actuacións da vía de conexión entre a praza da estación e a rúa Río Arnoia, así como a cubrición do caixón ferroviario cun parque público na súa parte superior. ADIF non considera estas actuacións de carácter ferroviario, e por tanto sostén que non lles corresponde custear dita obra.

En canto a que se inclúa anuncio no Diario da Unión Europea, afirma o responsable de Infraestruturas do Concello de Ourense, “non significa nada, xa que a experiencia nos ten demostrado que mentres a obra non estea adxudicada e en marcha, absolutamente nada está garantido”. “Se o PSOE ten outra información solvente, o que ten que facer é compartila cos demais”, lamenta Caride, “ben a través da propia Xunta de Área ou solicitando unha reunión doutro tipo, pero non gardala só para atacar politicamente”, di.

“Ou estamos todos a un tempo para traballar pola cidade, ou estase só en campaña política permanente polo exclusivo interese do partido, e o único que lle interesa ao PSOE semella ser isto último”, sentenza.

Deja un comentario