Sábado 21 de Setembro de 2019

A Festa da Vendima de Leiro, escaparate do viño do Ribeiro


 

A Deputación de Ourense colabora coa 30ª edición desta celebración que terá lugar os días 24 e 25 de agosto

A Festa da Vendima de Leiro cumpre 30 edicións como escaparate do viño do Ribeiro, produto esencial na economía da comarca e particularmente do municipio de Leiro. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde e o concelleiro de Cultura de Leiro, Francisco José Fernández e Ramón Álvarez; e o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares.

A Deputación de Ourense colabora con esta celebración que “transcende o aspecto puramente festivo para converterse nunha canle de divulgación e promoción económica dos recursos endóxenos do Concello de Leiro”, dixo Rosendo Fernández, quen sinalou que “en Leiro o viño faise festa e a festa faise viño, pero sen a vendima non habería nin festa nin viño”.

Así mesmo, Rosendo Fernández destacou o papel da veciñanza nesta celebración “participando de forma activa nesta festa de exaltación do proceso da vendima que ofrece aos asistentes un amplo e variado programa de actividades que conta cunha parte didáctica no desfile das carrozas, no que se escenifica todo ese proceso da vendima”.

O alcalde de Leiro, quen agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, lembrou que se trata dunha “festa de homenaxe á xente que vive por e para o viño” e explicou que a aposta do Concello con esta celebración ten como obxectivo “revitalizar o noso produto estrela e auténtico motor do municipio: o viño”. Neste mesmo sentido, Juan Manuel Casares felicitou ao municipio de Leiro por ser capaz de “innovar e manter a identidade do municipio” nesta celebración que “naceu no ano 1963 e que, polo tanto, é un ano máis antiga ca propia Feira do Viño do Ribeiro”. Ademais, o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro dixo que “o futuro da comarca vitivinícola do Ribeiro baséase, en parte, na colaboración de tódolos axentes”.

Programa

A programación da festa comezará, segundo explicou o concelleiro de Cultura de Leiro, o sábado 24 de agosto, coas atraccións infantís ás 17.00 horas e, posteriormente, a partir das 22.30 horas celebrarase o “Vendima Rock” no Salgueiral. O domingo 25 de agosto, a festa dará comezo ás 10.00 horas coa recepción de acios a concurso que posteriormente serán expostos. O concurso de Acios de tintos e brancos, que só admite variedades autóctonas do Ribeiro, outorgará premios dotados con 90 euros o primeiro, 60 euros o segundo e 30 euros o terceiro premio.

Ás 11.30 horas será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello, para continuar ás 12.00 horas coa lectura do pregón na praza do Cruceiro que nesta edición correrá a cargo de Mariano Rajoy Brey. Ás 12.30 horas terá lugar o tradicional desfile de Carrozas e Charangas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira, así como a 3ª edición da Mostra de coches clásicos. Un dos actos máis populares da festa é o concurso e desfile de carrozas, unha exposición que mostra as tarefas propias da vendima. O concurso recolle, na categoría de adultos, un primeiro premio dotado con 1.000 euros, o segundo premio de 750 euros, o terceiro premio é de 600 euros, e 400 euros por participar no concurso. Na categoría infantil, os premios van dos 400 euros ó primeiro, 300 euros ó segundo, 200 euros ó terceiro e aos 50 euros por participar.

A partir das 14.00 horas haberá varias actividades instaladas no Salgueiral como o XVI Mercado Artesanal e a 2ª Mostra dos Viños de Leiro e, ás 14.30 horas, comezará o xantar popular. Pola tarde retomaranse as actividades ás 16.30 horas coa entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e continuarán as actividades infantís e a festa no Salgueiral. O deporte chegará ás 17.45 horas co partido de presentación do C.F. Leiro. Ás 20.00 horas será o concerto de Corais da Vendima e ás 21.00 horas pechará a xornada festiva unha actuación musical.

Deja un comentario