Xoves 12 de Decembro de 2019

Espectáculos de lume, música e gastronomía, na X edición da “Feira de artesanía e porco celta” de Cortegada


 

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que se celebrará os días 17 e 18 agosto

O municipio de Cortegada acollerá, os días 17 e 18 de agosto, a décima edición da “Feira de artesanía e porco celta” que mestura no seu programa de actividades, ademais de gastronomía e artesanía, espectáculos de lume, música, festa da auga e inchables. A presentación desta celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez; o alcalde e a concelleira de Cultura de Cortegada, Avelino Luís de Francisco e Begoña Estévez.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que ofrece “unha completa e variada programación pensada para tódolos públicos e na que destaca o compromiso do concello co medio ambiente”, explicou Plácido Álvarez, quen salientou a importancia de desenvolver este tipo de propostas culturais e gastronómicas que “dinamizan o rural da nosa provincia e son o escaparate idóneo para mostrar aos visitantes as potencialidades turísticas dos nosos municipios”.

Pola súa parte, Avelino Luís de Francisco salientou “o éxito que logra esta celebración cada ano”, así como a novidade desta décima edición de “suprimir por completo o plástico, como medida para traballar a prol da conservación e respecto polo planeta”. Ademais, o alcalde de Cortegada adiantou que, a data de hoxe, “xa contamos con 20 artesáns que van a expoñer alí as súas obras, e este ano esperamos chegar aos 30”.

O programa da Feira, tal e como explicou Begoña Estévez, comezará o sábado, 17 de agosto, ás 22.30 horas cun espectáculo de lume e cun concerto de música tradicional. Ao día seguinte, o 18 de agosto, a apertura da feira será ás 11.00 horas e, a partir dese momento, haberá cada media hora distintas actividades como o baile medieval dos nenos de Cortegada ou o espectáculo de trapecio. Ás 14.00 horas será a degustación dun menú que inclúe porco celta, paella e viño do Ribeiro e a programación continúa tamén en xornada de tarde con diferentes actividades.

Deja un comentario