Xoves 13 de Decembro de 2018

Conde salienta o papel dos xóvenes empresarios na configuración da nova Axenda da Competitividade Industrial Galega


O titular de Economía e Industria mantivo un encontro con membros de AJE Ourense no que salientou as oportunidades que ofrece esta Axenda para o impulso empresarial, comezando pola rebaixa do 50% no prezo do solo industrial en Ourense

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou nun encontro mantido con AJE Ourense, o papel dos xóvenes empresarios na configuración da nova Axenda da Competitividade Industrial Galega, Galicia – Industria 4.0, un documento que coñeceu onte o Consello da Xunta e que aspira a “reinventar a industria galega, modernizando o tecido industrial para intentar ser máis competitivos”. Neste sentido, Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial, Rogelio Martínez, subliñou as oportunidades que ofrece esta Axenda para o impulso empresarial, entre as que destacou a rebaixa no custo do metro cadrado de solo industrial de ata o 50% para aqueles parques empresarias ubicados nas Zonas Impulsa, como é o caso de Ourense. “O obxectivo é que ningún proxecto industrial se poida quedar no camiño polo prezo do solo”, incidiu o conselleiro. Esta medida, explicou, virá acompañada doutras importantes, con actuacións específicas para “impulsar o emprendemento industrial”. Así, o documento prevé a creación de focos de emprendemento industrial que permitirán apoiar star-ups, “empresas vinculadas ao coñecemento e á innovación”, nas que os xóvenes empresarios terán moitas oportunidades, subliñou Conde. O titular de Economía e Industria resaltou a importancia do encontro mantido co Círculo de Xóvenes Empresarios de cara a escoitar as súas principais demandas e coñecer as iniciativas que se están a desenvolver na provincia, encaixando os “ámbitos de colaboración nos que podemos desenvolver esta Axenda”, así como outros eidos de cooperación, como a internacionalización ou a innovación. Neste sentido, a Consellería ten investido preto de 47 millóns de euros na comarca durante os últimos 6 anos, promovendo distintas actuacións que melloran a competitividade do tecido emrpesarial, como as melloras levadas a cabos en máis de vinte parques empresariais da provincia, as iniciativas innovadoras desenvolvidas no eido dos programas Conecta Pemes ou o Innterconecta, e a aposta pola eficiencia enerxética a través da nova orde de caldeiras de biomasa.

Deja un comentario