Xoves 21 de Outubro de 2021

Manuel Baltar: “A Festa do Pemento da Arnoia leva 40 edicións a amosar a calidade deste produto fundamental da nosa gastronomía provincial”


 

O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe nesta cita gastronómica da que os organizadores prevén superar os dez mil visitantes e un consumo de máis de 3.200 quilos de pementos

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na “Festa do Pemento da Arnoia”, unha celebración que “leva 40 edicións a amosar a calidade deste produto fundamental da nosa gastronomía provincial” e que nesta ocasión, os organizadores prevén superar os dez mil visitantes e un consumo de máis de 3.200 quilos de pementos.

Esta celebración, coa que colabora a Deputación de Ourense, é unha das máis importantes do “calendario gastronómico do verán galego que segue a ser un éxito en cada edición”, dixo o presidente do goberno provincial. “Trátase do escaparate perfecto para mostrar aos visitantes a excelencia na calidade deste produto, así como para promocionar e poñer en valor o sector primario deste municipio e da súa contorna”, engadiu Baltar.

Pola súa parte, o alcalde de Arnoia dixo que o programa desta 40ª edición mestura “actividades gastronómicas, turísticas, culturais, deportivas e automobilísticas”, xunto coa novidade deste ano: “a primeira anada dun licor elaborado a base de pemento da Arnoia”.

A festa, iniciada no ano 1980 e actualmente declarada de Interese Turístico Galego, converteuse nun referente gastronómico, logrando que este produto acadase en 2013 a distinción de ser amparado pola Indicación Xeográfica protexida (IXP) “Pemento da Arnoia”.

Deja una respuesta