Domingo 15 de Decembro de 2019

O Concello inicia mañá, mércores 31 de xullo, o plan de limpeza intensiva intensiva de barrios nas rúas Parada Justel, Reza e Doutor Fleming


 

As rúas afectadas terán o estacionamento restrinxido, polo que desde o Concello de Ourense se pide a colaboración cidadá.

 

O plan intensivo de limpeza viaria nos barrios da cidade comezará mañá, mércores 31 de xullo, coas rúas Parada Justel, Reza e Doutor Fleming. A empresa concesionaria da limpeza viaria, Ecourense UTE, realizará este tipo de actuacións en diferentes zonas da cidade cada mércores, en horario de 23:00 a 13:00 horas, para o que solicita a colaboración tanto da Policía Local coma dos propios veciños para que non se estacione nas rúas nas que se vaia actuar cada día.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, quere implicar a cidadanía destas zonas para que a limpeza sexa máis efectiva: “Todas estas accións redundan nunha cidade máis limpa, máis verde e máis sostible e axuda a percibir a cidade dunha maneira máis positiva”, asegura. “É unha molestia o día que toque na nosa rúa”, recoñece, “pero debemos colaborar entre todos e facilitarlle á empresa as tarefas de limpeza retirando os vehículos estacionados”.

Así pois, a partir das 23:00 horas de mañá mércores, acometerase unha limpeza de beirarrúas, bordos, zonas peonís, zonas de xogos infantís e alcorques, eliminación de manchas, adhesivos e carteis nas paredes e outros elementos do mobiliario público, como sumidoiros ou enreixados.

A vindeira actuación farase na noite do 7 ao 8 de agosto no camiño da Pousada e nas rúas Irmáns Xesta, Fernández Bordas e Meco.

Deja un comentario