Sábado 07 de Decembro de 2019

OS EMPRENDEDORES DO COWORKING DE OURENSE APOSTAN POLAS SOLUCIÓNS TIC E OS SERVIZOS PERSONALIZADOS DE CALIDADE


O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema, participou hoxe en San Cibrao das Viñas na clausura da segunda edición da aceleradora, que apoia a Administración autonómica coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI)
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), José Ignacio Lema, salientou hoxe en San Cibrao das Viñas os servizos e axudas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das novas empresas no peche do coworking ourensán, onde os 16 emprendedores participantes da segunda edición presentaron os seus proxectos empresariais despois de completar o proceso de formación e asesoramento.

Os novos empresarios, que desenvolveron 14 iniciativas no espazo de emprendemento que impulsa a Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), optaron por diferentes sectores de actividade como a comercialización e a prestación de servizos de enxeñaría eléctrica; o asesoramento dixital para emprendedores, retornados e estranxeiros; a conservación forestal e de xardíns; servizos de consultaría a empresas, organizacións e particulares en sectores diversos; a alimentación sostible e a restauración creativa.

Durante a súa intervención no demoday, Lema subliñou a importancia de que as ideas innovadoras dos emprendedores adecúen as súas propostas ás novas necesidades personalizadas e especializadas dos novos clientes dos mercados actuais, con oferta de produtos e servizos de alta calidade, así como a decidida aposta pola implantación de tecnoloxías e solucións 4.0, a valorización dos recursos do territorio e a creatividade como panca para a innovación do emprendemento.

Desde o comezo da súa actividade, o coworking desenvolto no CIS Madeira de San Cibrao das Viñas apoiou 33 plans de emprendemento, dos que 14 xa están en marcha. Ademais, estas iniciativas levan asociadas a creación ou mantemento de 22 postos de traballo.

O director de Xera resaltou tamén os instrumentos de apoio que ofrece o Goberno galego para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá dos proxectos dos emprendedores. Así, a través do Igape, poden acceder a programas como o Galicia Emprende, que ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes, así como os préstamos directos como os activados no programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

A través da última convocatoria do programa Galicia Emprende, do que permanece aberto o prazo de solicitudes, ata o vindeiro 10 de outubro, e do Galicia Rural Emprende, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará en total axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros.

Durante este mes finalizaron tamén as accións de formación e asesoramento nos espazos coworking de Santiago de Compostela, Celanova-Terras de Limia, Costa da Morte, Ferrolterra, Mariña Lucense, Ribeira Sacra, O Salnés e Ourense, nos que no conxunto das actuais edicións, se apoiaron 167 iniciativas de emprendemento.

Con esta rede de aceleradoras, a Xunta favorece o desenvolvemento e consolidación de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, e conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE). Durante os catro anos que leva en marcha, leva apoiado a máis de 700 emprendedores e un total de 641 proxectos en toda Galicia.

A aposta polo impulso e consolidación de novas empresas materialízase na plataforma StartIN, que ofrece axuda integral ao emprendemento en todo o territorio e que nos últimos cinco anos apoiou máis de 1000 proxectos. Esta iniciativa desenvolve tamén as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada nos eidos agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa).

Deja un comentario