Martes 12 de Novembro de 2019

O campamento “Super Camp Rock”, ocio e formación musical para a mocidade en Ourense


 

A Deputación de Ourense e o Concello de Muíños apoian esta iniciativa, dirixida a xóvenes de entre 15 e 25, da man de Fernando Calvo, guitarrista de Los Suaves e director da escola La Casa de la Música

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Pazo Provincial xunto ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, e o músico Fernando Calvo, guitarrista de Los Suaves, o programa do “Super Camp Rock” 2019, unha iniciativa que apoian a Deputación de Ourense e o Concello de Muiños e que ten como obxectivo achegar aos alumnos coñecemento musical, combinando formación, ocio, aventura e natureza. O campamento, que se desenvolverá no albergue turístico do Corgo, en Muíños, do 19 ao 25 de agosto, está dirixido a xóvenes de entre 15 e 25 anos que teñan un ano de experiencia nos instrumentos: guitarra, batería ou percursión, piano ou teclado e baixo eléctrico ou acústico, e tamén canto moderno ou clásico (instrumento para o cal non se require experiencia previa). Como artistas invitados estarán Alberto Cereijo e Charly Domínguez (Los Suaves), Manuel Seoane (Mago de Oz) e Jorge Escobedo e Antonio Bernardini (Sóber).

Manuel Baltar destacou no acto de presentación que esta actividade “converterá este verán a Muíños nunha escola de música e permitirá aos participantes estar en contacto coa natureza por medio de actividades formativas musicais, culturais e de sensibilización medioambiental, unha combinación perfecta que será un éxito”. Baltar agradeceu a proposta de Fernando Calvo para levar a cabo este Super Camp Rock, e tamén ao alcalde de Muíños pola cooperación entre o Concello e a Deputación “para facer realidade este evento e seguir apostando pola música, polo rural, por unha zona que tamén é termal e que conta con verdadeiras xoias paisaxísticas e monumentais”.

Plácido Álvarez salientou a importancia de levar ao rural actividades coma esta, “que fan Ourensanía e que supoñen un paso importante para o noso concello e para o complexo turístico do Corgo, que recibe cada verán a centos de mozas e mozos de Galicia y do resto de España para desenvolver actividades de natureza e deportes náuticos”.

Pola súa banda Fernando Calvo, organizador do evento, con máis de vinte anos de experiencia no ensino musical e membro dunha das bandas máis importantes do rock español, Los Suaves, dixo que Super Camp Rock será “unha extraordinaria experiencia de sete días de duración para xóvenes músicos, non só a nivel musical senón tamén no ámbito persoal, fomentando o compañeirismo, o traballo e a diversión en grupo e, por suposto, o amor pola música, todo elo nunha contorna san onde disporemos dunhas magníficas instalacións nun dos máis fermosos paraxes da xeografía ourensá, en Muíños”. Fernando Calvo agradeceu ao presidente da Deputación de Ourense “que desde o minuto un apoiase esta iniciativa, un campamento que é único e que contará con actividades musicais con músicos de primeiro nivel: clases de harmonía, instrumento, concertos, e unha festa final na que actuarán os participantes; e tamén actividades propias dun campamento de verán, como xogos, sendeirismo e deporte”.

Master clases, experiencias reais con músicos relevantes, charlas sobre instrumentos e concertos privados, son algunhas das actividades que inclúe o programa do campamento, que disporá de 50 prazas. O custe da inscrición é de 490 euros por participante, e pode realizarse a través do teléfono: 647 041 924 ou ben na web: www.casadelamusica.es

Deja un comentario