Martes 12 de Novembro de 2019

A 40ª edición da “Festa do Pemento da Arnoia” prevé reunir a máis de dez mil visitantes


 

Os días grandes desta celebración, unha das máis importantes no calendario gastronómico do verán, serán o 2, 3 e 4 agosto, cun programa que comeza hoxe e que continuará o 31 de xullo, incluíndo actividades gastronómicas, turísticas deportivas e automobilísticas

A “Festa do Pemento da Arnoia” chega este ano á súa 40ª edición, na que os organizadores prevén superar a cifra de dez mil visitantes e un consumo de máis de 3.200 quilos de pementos. Desta maneira, “unha das máis importantes citas no calendario gastronómico do verán en Galicia, coa que colabora a Deputación de Ourense, segue acadando éxito tras éxito, o que amosa a excelencia na calidade do produto, e o traballo que veciños e organizadores da festa fan en cada edición”, destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación deste evento, hoxe, no Pazo Provincial.

Na presentación, que tamén contou coa participación do alcalde da Arnoia, Rodrígo Aparicio; do concelleiro de Cultura deste concello, Emilio José Iglesias, e de José Manuel Martínez, coordinador da “2ª Concentración de Coches Clásicos”, o vicepresidente do goberno provincial salientou que esta festa iniciouse 1980 “co obxectivo de promocionar o pemento de calidade que se producía na Arnoia, e a excelente acollida que tivo fixo que a festa se convertese nun referente gastronómico, declarada de Interese Turístico Galego, e que este produto acadase en 2013 a distinción de ser amparado pola Indicación Xeográfica protexida (IXP) “Pemento da Arnoia”, expresou Rosendo Fernández.

O alcalde da Arnoia salientou que este ano, con motivo de cumprirse os corenta anos da festa “contamos cun programa potente, onde as actividades gastronómicas, turísticas, culturais, deportivas e automobilísticas son as protagonistas”, destacando como novidade a presentación da primeira anada dun licor elaborado a base de pemento da Arnoia, e remarcando que todo isto é posible “grazas a cooperación e máxima implicación dos veciños”.

No acto tamén se presentou a 5ª Carreira popular “8.000 varas da Arnoia”, una proba atlética na que se prevé a participación de máis de 150 corredores, que se disputará o 4 de agosto a partir das 10.00 horas, cun percorrido de 10 quilómetros por un circuíto mixto de asfalto e terra; e tamén se presentou a “2ª Concentración de Coches Clásicos Festa do Pemento”, cun percorrido entre os concellos da Arnoia, Ribadavia e Castrelo de Miño, na que participarán ao redor 30 vehículos de época. O programa da festa inclúe tamén o 5º Festival de Pandereteiras “Arnoia Viva”, que se celebrará o sábado 3 de agosto, xunto con numerosas actividades deportivas e musicais e gastronómicas.

Deja un comentario