Martes 12 de Novembro de 2019

O Concello potenciará a Oficina Municipal da Ponte


 

O concelleiro de Recursos Humanos di que forma parte da mellora dos servizos públicos e de atención aos cidadáns que se levará a cabo

Co obxectivo de mellorar o servizo que se lle presta á cidadanía, o Concello de Ourense potenciará a Oficina Municipal do barrio de A Ponte, que se atopa no edificio mesmo da praza de abastos número 2. O concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea, pon de manifesto que na actualidade só conta cun traballador, o que supón que a oficina queda pechada e desatendida cando o funcionario debe ausentarse por motivos xustificados. De aí que a primeira medida será a de reforzar o persoal: en breve destinarase un segundo traballador e, a medio prazo, un terceiro, sen descartar que, se a demanda así o esixe, poidan incorporarse máis.
Por outra banda, Armando Ojea subliña que na actualidade os medios materiais cos que conta son precarios. Polo que, de inmediato, procederase a dotar esa oficina dos medios necesarios, coma ordenadores, fotocopiadoras e outros que sexan necesarios para prestar unha mellor atención aos cidadáns. Tamén se ten previsto habilitar máis superficie no edificio da praza de abastos da Ponte, de titularidade municipal, para esa ampliación na que se contempla unha sala de espera digna para os veciños desa zona da cidade.
De ese xeito, o concelleiro de Recursos Humanos manifesta, como así o fixera o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que é unha prioridade esa reestruturación da Oficina Municipal para poder ofrecerlles máis servizos aos cidadáns, pois na actualidades son fundamentalmente de rexistro, sendo necesaria a ampliación a outros que son moi demandados: os relacionados coa xestión, recadación, urbanismo ou sancións, entre outras.
Recoñece Armando Ojea que se trata dun servizo municipal “pouco coñecido” pola cidadanía, polo que se atopa “infrautilizado”. Iso leva consigo a que se poña en marcha unha campaña de promoción a través de diferentes medios, coma as diferentes asociacións de veciños, cartelería e outras canles para dar a coñecer a existencia da oficina e das xestións que se poden levar a cabo.
Por parte do goberno lémbrase que se trata dun servizo aberto a toda a cidade, aínda que serán os veciños da Ponte, o barrio con maior poboación, así como do perímetro rural da zona norte, os máis beneficiados. Ademais, varias liñas de autobuses do perímetro teñen unha parada próxima, o que facilita que os veciños poidan acudir á oficina. Sobre está cuestión, Armando Ojea di que se reforzará, se fose necesario, o servizo público de transporte na zona para facer máis accesible os novos servizos previstos.

Deja un comentario