Xoves 12 de Decembro de 2019

Díaz Mouteira reúnese co alcalde de Baltar e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio


Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos alcaldes da provincia desde o mes de xuño, cando se constituíron as novas corporacións locais

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Baltar, José Antonio Feijoo Alonso, rexedor desta localidade desde hai 12 anos. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou a mediados de xullo co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Feijoo Alonso “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de obter a coordinación necesaria coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar súa calidade de vida.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 2,3 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Baltar preto de 400.000 euros en materia de subvencións; máis de 840.000 de euros en convenios; e case 1,1 millón de euros pertencentes a outras actuacións.

Así, a delegada territorial subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a renovación das beirarrúas da travesía de Baltar, entre outros proxectos de mellora de infraestruturas de uso público e de estradas, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, o saneamento da capitalidade, adecuación da Casa do Concello e da súa contorna e a posta en marcha dunha Casa Niño, entre outras actuacións.

Deja un comentario