Venres 13 de Decembro de 2019

Xogos tradicionais e actividades de concienciación sobre saúde e medio ambiente, na XI Festa Popular do Concello de Baltar


 

Xogos tradicionais e actividades relacionadas coa concienciación sobre saúde e medio ambiente, centran o programa da XI Festa Popular do Concello de Baltar -coa que colabora a Deputación de Ourense-, que se celebra o domingo 3 de agosto e que contará coa tradicional proba de alcoholemia ao remata da festa para premiar ás persoas que dean un resultado negativo ao alcol. “Estas iniciativas distinguen a esta festa e singularízana no panorama lúdico do noso verán”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación deste evento, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial. Xunto a Rosendo Fernández participaron o alcalde de Baltar, José Antonio Feijoo; a responsable de Cultura deste concello, Gemma Rodríguez, e os representantes da mocidade do municipio, Verónica López e Alejandro Rodríguez.

O vicepresidente da Deputación destacou que esta é unha festa “que defende e promociona as tradicións, e o seu éxito vense comprobando ano tras ano coa gran asistencia de público e a cooperación interinstitucional que sempre existe”. Neste sentido, o alcalde de Baltar salientou os catro piares da festa: “Seguir recuperando as tradicións, potenciar o intercambio social coas contornas limítrofes de Portugal, promocionar a nosa gastronomía, e que a xuventude, que se implica ao cen por cen con esta celebración, poida divertirse de forma san”, dixo José Antonio Feijoo.

A responsable de Cultura do Concello comentou que o programa deste ano “está enfocado á diversión pero de maneira educacional, sensibilizando sobre saúde e medio ambiente”. Así, explicou que haberá unha andaina medioambiental, ás 11.00 horas, e a instalación dun “banco tomavistas” na Serra do Larouco coa inscrición “Disfruta e conserva”, “para que a xente poida contemplar a beleza de toda a nosa contorna e seguir conservándoa como se merece”. Ademais, o programa, que continuará ás 13.30 horas, inclúe unha concentración de grupos folclóricos nunha xornada de convivencia, e haberá exhibicións de paramotor e parapente, exposicións, xogos tradicionais, música, premios, unha merenda-cea e a actuación de Iria González e da discomóbil Remember, para rematar de madrugada cunha chocolatada para todos os asistentes.

Deja un comentario