Domingo 15 de Decembro de 2019

O Concello aprobará a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora da Taxa do Lixo, que suporá un aforro dun 10% no importe dos recibos


Na Comisión de Pleno celebrada esta mañá ditaminouse levar á vindeira sesión plenaria este asunto (que suporá un aforro anual de 200.000 euros para os contribuíntes) cos votos a favor dos grupos integrantes do Goberno Municipal, PP e DO

 

O vindeiro Pleno do Concello de Ourense aprobará a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora da Taxa do Lixo, que suporá un aforro de 200.000 euros anuais para os contribuíntes da cidade. É dicir: os recibos que se emitan a partires de agora terán un 10% de aforro estimado en cada fogar de Ourense.

Esta medida foi ditaminada esta mañá en Comisión de Pleno (por parte dos votos dos representantes dos grupos que conforman o Goberno Municipal, PP e DO) para que sexa debatida e aprobada na vindeira sesión plenaria. O comezo deste proceso tivo como punto de partida o pasado 12 de febreiro, cando o anterior equipo de goberno lle solicitara á Sociedade Galega do Medio Ambiente que establecese unha bonificación do 10% no canon unitario para o presente exercicio. Posteriormente, o pasado 25 de abril, este proxecto de modificación da ordenanza fiscal fora aprobada en Xunta de Goberno, abríndose un período de emendas para que os partidos políticos presentasen as súas ao respecto.

O tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, así como a concelleira de Facenda, Ana Morenza, salientan que “traballamos para acadar melloras que repercutan de xeito directo na calidade de vida e no peto dos ourensáns, e por iso a bonificación no canon unitario será repercutida directamente nas persoas beneficiarias. Sempre dixemos que baixaríamos impostos e taxas e o que dicimos, cumprímolo”.

Deja un comentario