Sábado 21 de Setembro de 2019

Resumo de acordos da Xunta de Goberno Local do 18/07/2019


O alcalde de Ourense anunciou a posta en marcha dun plan de choque no cadro de persoal coa incorporación de policías e bombeiros, así como de persoal cualificado: xurídicos, arquitectos, enxeñeiros e informáticos. Ademais, planéase aumentar o persoal eventual. Anexamos con este correo un documento en formato excel co cadro de persoal actualizado no Concello

 

A xunta de goberno local ordinaria celebrada esta mañá deu conta de 30 asuntos, a grande maioría de índole xurídica (19). De entre todos eles destaca un auto ditado polo Tribunal Supremo (TS) no que admite a trámite un recurso de casación presentado polo Concello de Ourense sobre unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) relacionada cos complementos de produtividade que reciben os funcionarios no período de vacacións. Admitido este recurso, todas as reclamacións neste sentido quedan en suspenso (paralizadas), incluídas dúas das que se dan conta nesta xunta de goberno, até o fallo do Supremo.

Ademais deste, a xunta de goberno acordou requirirlle ao Concello de Barbadás que ingrese nas arcas municipais a cantidade de 1.058.896,40 € ao ser receptor do servizo de saneamento e depuración de augas por parte do Concello de Ourense.

Desglose por áreas:

Avogacía consistorial (19). Tres Autos, 6 sentenzas e 10 comparecencias.

[Autos, 3] Os dous primeiros autos están ditados polo contencioso administrativo 2 de Ourense, e dan por executadas senllas sentenzas reclamadas por particulares en asuntos urbanísticos: o primeiro contempla as razóns aducidas polo Concello de Ourense, en relación a un proxecto de compensación da rúa da Sila, impoñéndolle as custas do proceso ao denunciante; e o segundo entende que Concello xa fixo todas as actuacións ás que se lle condenou no seu momento.

O terceiro auto, como se indicaba ao principio, está ditado pola Sala do Contencioso-Administrativo, Sección 1ª, do Tribunal Supremo, referido a un recurso de casación promovido polo Concello de Ourense. Entende o alto tribunal que existe interese para a formación de xurisprudencia sobre se a contía que reciben os funcionarios da Administración Local en concepto de plus de nocturnidade e de festividade pode incluírse, ou non, dentro do concepto «complemento de produtividade», así como que consecuencias xurídicas se derivan en relación coa percepción durante as vacacións.

Así pois, todas as reclamacións neste sentido quedarán en suspenso (paralizadas) até que o fallo do Supremo sente xurisprudencia.

[Sentenzas, 6]. No capítulo de sentenzas, a xunta de goberno deu conta de 5 sentenzas ditadas polo contencioso administrativo 2.

A primeira delas, estima o recurso en materia de responsabilidade patrimonial contra a desestimación dunha reclamación polos danos sufridos nun vehículo que circulaba pola rúa Portocarreiro e recibiu o impacto dun balón que saíu dunha pista deportiva. A sentenza entende que é responsabilidade do Concello adoptar cantas medidas sexan axeitadas para impedir a saída accidental de balóns das instalacións deportivas que se atopen preto dunha vía publica ou estrada, incrementando así o risco para peóns ou vehículos. O afectado recibirá 3.030,99 € máis 636,51 en concepto de IVE.

A segunda sentenza estima en parte unha reclamación en materia de responsabilidade patrimonial polos danos sufridos nun vehículo por mor dun bolardo na rúa Doctor Marañón por importe de 2494,79 euros. Entende o xulgado que hai concorrencia de culpas entre o afectado e o Concello, imputándolle un 80% ao reclamante por conduta imprudente, e un 20% ao Concello e non á concesionaria, porque o expedinte de responsabilidade patrimonial non culminou cunha resolución que indicase que a responsabilidade era da concesionaria.

A terceira sentenza estima o recurso promovido pola entidade Xardín das Burgas polo cambio de sistema de cooperación por expropiación forzosa. Este recurso estaba pendente doutras reclamacións similares no TSXG, e o xulgado ratifícase na sentenza en coherencia coas sentenzas do tribunal da Coruña, anula os acordos de cambio de sistema de actuación por expropiación forzosa respecto do AI 10 AR As Burgas.

A cuarta sentenza é favorable aos intereses municipais, e desestima a petición de Desarrollos Comerciales de Ocio e Inmobiliarios de Ourense S.A. de aprobación dos estatutos e bases de actuación do polígono único do antigo sector de solo urbanizable. A denegación ten a súa razón de ser na nulidade do Plan Xeral de Ordenación Municial de 2003 e no Decreto da Xunta de Galicia que acordou suspender a vixencia do Plan Xeral de Ordenacion Municipal de 1986, polo que os Estatutos e Bases perderon a sua cobertura xurídica. Esta é a segunda vez que o xulgado lle dá a razón ao Concello contra esta entidade: vai dúas semanas desestimaron a reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos sufridos ao non poder executar os seus plans urbanísticos polo mesmo motivo.

A última do Contencioso Administrativo 2 de Ourense inadmite un recurso presentado contra o Concello xa que non esgotaron os demandantes a vía administrativa previa.

Finalmente, unha sentenza do Contencioso Administrativo 1 de Ourense estima un recurso promovido por unha UTE (Asfalgal-Oviga) fronte ao non pagamento de varias facturas pola execución dos traballos do proxecto de acondicionamento da rúa Vasco, en febreiro de 2018.

[Comparecencias, 10] O Concello de Ourense deberá presentarse perante o Contencioso Administrativo 1 de Ourense nos seguintes procedementos: por unha reclamación de responsabilidade patrimonial polos danos sufrido por mor dunha caída na pista deportiva de Velle; polos danos ocasionados nun vehículo por mor dunha focha no aparcadoiro do pavillón deportivo de Oira; por danos ocasionados no soto dun inmoble na rúa Manuel Díez De la Banda por mor dunhas filtracións de auga; e, como prexudicado, polo roubo con forza no Viveiro Municipal de Santa Mariña, do que se levaron cable de cobre, mesas de cultivo e plantas por importe de 9.000 euros. Así mesmo, o Concello deberá presentarse nun procedemento interposto por Acciona Medio Ambiente en relación coa devolución da fianza depositada para responder das obrigas da contratación das obras de urbanización dos terreos ocupados para sistema local de zonas verdes e espazos libres da AR 22 N (no interior do quinteiro formado por Alejandro Pedrosa, Santa Teresita, Río Xares, Río Bubal e Río Limia).

Por outra banda, o Concello deberá presentarse ante o xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Ourense en dúas reclamacións contra resolucións do Tribunal Económico-Administrativo polo incremento do valor dos terreos de natureza urbana, e tamén nun procedemento contra a desestimación do recurso de reposición contra unha sanción de tráfico, infracción grave por circular con presenza de drogas no organismo e multa de 1.000 euros.

Tamén deberá comparecer en senllas reclamacións de traballadores municipais que reclaman o pago dos pluses de festividade e de nocturnidade durante as vacacións pero, como se mencionou anteriormente, ambos procesos quedarán en suspenso.

Licenzas (6). A xunta de goberno local concedeu, na sesión desta mañá, licenza para autorizar o troco de uso dun baixo para uso residencial e de obra para proxecto básico e de execución de adaptación de local para catro vivendas. Por outro lado, concedeuse licenza para o proxecto de remate da rehabilitación dunha edificación tradicional; para o troco da cuberta dun edificio; para a reforma integral dunha vivenda na rúa Valle Inclán; e para a instalación de ascensores en edificios da rúa Quintián e Serra de Queixa.

Aperturas (2). Denegouse a solicitude de declaración de innecesariedade de licenza urbanística para unhas obras nun inmoble da rúa Progreso. Ademais, aceptouse a renuncia dunha entidade comercial para levar a diante o proxecto dunha escola infantil (0-3 anos) na rúa Avilés de Taramancos.

Patrimonio (1). A xunta de goberno acordou requirirlle a un particular, como responsable directo, e á súa compañía de seguros, como responsable solidaria, a suma de 94,43 € en concepto de indemnización polos danos causados nun sinal vertical de paso de peóns á altura do núm. 14 da estrada da Granxa.

Infraestruturas (1). Requíreselle ao Concello de Barbadás que ingrese nas arcas municipais a cantidade de 1.058.896,40 € ao ser receptor do servizo de saneamento e depuración de augas por parte do Concello de Ourense. A cantidade corresponde ás anualidades de 2016, 2017 e 2018, e nesa débeda está incluído, tamén, o incremento de custes que supuxo para o servizo a nova EDAR.

Participación Cidadá (1). Para rematar, desestimouse a reclamación dun particular polas supostas débedas de rendas de alugueiro nun local das galerías Viacambre. A desestimación realízase en base a que non consta nin como adxudicado nin formalizado ningún contrato de alugamento do mencionado local polo Concello de Ourense.

Deja un comentario