Sábado 07 de Decembro de 2019

Díaz Mouteira mantén unha xuntanza co alcalde da Gudiña para analizar futuros proxectos conxuntos no concello


Marisol Díaz amosa a súa vontade de seguir traballando desde o diálogo para desenvolver con éxito os proxectos municipais e reforzar nesta nova etapa a cooperación entre o Goberno galego e as entidades locais

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde da Gudiña, José María Lago Cabo. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou o pasado mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos conxuntos que se están a desenvolver.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos A Gudiña recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 1,6 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon aeste municipio máis de 815.000 euros en materia de subvencións; preto de 850.000 euros en convenios; e máis de 140.000 euros pertencentes a outras actuacións.

A representante do executivo autonómico en Ourense subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a renovación da rede de abastecemento do concello, a creación dunha Casa Niño, obras de repoboación para a recuperación do potencial forestal danado polo lume nos montes comunais de Herosa e Barxa, mellora de camiños e acondicionamento do saneamento do parque empresarial, entre outras actuacións.

A delegada territorial fixo fincapé na importancia de continuar nesta nova etapa a colaboración institucional e brindoulle ao alcalde da Gudiña todo o apoio e diálogo da Administración autonómica para poder axilizar e desenvolver con éxito os proxectos do seu concello que garantan o progreso e benestar da veciñanza.

Deja un comentario