Mércores 23 de Outubro de 2019

Ourense inicia o camiño para situarse coma unha cidade referente en espazos naturais e en proxectos ambientais


O alcalde e o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente reuníronse esta mañá con dous biólogos de referencia para traballar na recuperación de espazos naturais degradados ou de pouco uso

Foi unha reunión de traballo, un primeiro contacto. O obxectivo é o de colocar Ourense como referente de espazos naturais e proxectos ambientais. Con esa intención reuníronse esta mañá, no Concello de Ourense, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, cos biólogos Emilio Carral Vilariño e Antonio Estévez Prieto, destacados investigadores de proxectos medio ambientais, tanto no eido académico coma no privado, respectivamente.
O primeiro dos retos aos que se enfronta a cidade é o de recuperar espazos naturais degradados ou con pouco uso para desenvolver proxectos de conservación e de divulgación do medio ambiente. Neste sentido, esta reunión só foi “o primeiro paso para a creación dunha cidade máis natural, máis limpa e máis sostible”, en palabras do concelleiro Jorge Pumar. Un obxectivo para o que reclama a implicación tanto de entidades públicas, caso da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, coma das privadas, “que poidan poñer a disposición do Concello de Ourense especies e recursos cos que darlle contido aos nosos espazos naturais”, dixo.
Emilio Carral, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, incidiu en extraer todo o coñecemento e a experiencia posible de espazos coma o Centro de recuperación de especies ameazadas Félix Rodríguez de la Fuente para fomentar a divulgación e o coñecemento, elementos clave de calquera política ambiental, a través de espazos propiedade do Concello.
Nesta mesma sintonía se manifestaba o biólogo Antonio Estévez, que apuntaba a tres grandes obxectivos: a conservación de especies autóctonas ameazadas, tanto a nivel de flora coma de fauna; a investigación como base para seguir afianzándose nese lugar de referencia; e a educación ambiental, que se realiza agora mesmo a través de iniciativas no parque de Montealegre coma na Aula da Natureza de Oira, e que pasa por divulgar e concienciar as novas xeracións de ourensáns.
(*) AUDIO: Interveñen, por esta orde, Gonzalo Pérez Jácome, Jorge Pumar, Emilio Carral Vilariño e Antonio Estévez Prieto.

Deja un comentario