Xoves 05 de Decembro de 2019

Díaz Mouteira mantén un primeiro encontro institucional co novo alcalde de Parada de Sil e analiza as demandas do municipio


A delegada territorial da Xunta en Ourense segue a reunirse cos alcaldes e alcaldesas da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho ao alcalde do concello ourensán de Parada de Sil, Aquilino Domínguez Díaz, novo rexedor desta localidade. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira a Domínguez Díaz , é “coñecer aos rexedores que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que a delegada territorial iniciou a mediados do pasado mes de xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que se están a desenvolver.

Marisol Díaz na súa primeira xuntanza co novo alcalde de Parada de Sil recordou os apoios de máis de 1.100.000 euros que a Xunta destinou a este concello, dos que case 700.000 foron a través de ordes de subvencións, preto de 300.000 euros vía convenios, e pouco máis de 140.000 euros achegados ao abeiro de outras actuacións.

A representante do Executivo galego lembrou que este concello está emprazado na Ribeira Sacra polo que gran parte dos proxectos realizados en Parada de Sil que recibiron achegas do Goberno galego nestes últimos anos teñen que ver coa mellora de infraestruturas turísticas e emprazadas na Rede Natura. Díaz Mouteira subliñou tamén a recuperación patrimonial do forno de campás de San Víctor de Barxacova, actuacións de mantemento e conservación da rede de auga e saneamento, reparación de pavimentos en distintos núcleos de poboación e mellora de camiños. Ademais, destacou que ao abeiro dun convenio asinado entre o Concello de Parada de Sil e o IGVS, a Administración local dispón ata 2025 do financiamento de máis de 600.000 euros para a rehabilitación e conservación de edificacións no núcleo de Fondo de Vila que se destinarán a vivendas.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Aquilino Domínguez o seu desexo de continuar a traballar de xeito coordinado coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida.

Deja un comentario