Mércores 16 de Outubro de 2019

O Concello implícase co servizo de cans guía que presta a Fundación Mariscal ás mulleres vítima de violencia


O alcalde e a concelleira de Asuntos Sociais coñeceron de primeira man o funcionamento deste servizo, que ten como finalidade garantir a seguridade nos seus desprazamentos diarios

Gali leva 20 días con C. A., unha vítima de violencia de xénero. Este pastor belga, adestrado para protexer e acompañar a súa dona ante calquera situación na que se vexa agredida, é un dos cans que a fundación Mariscal está a poñer gratuitamente a disposición de mulleres coma ela. E hoxe visitaron o Concello de Ourense para solicitarlle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e á concelleira de Asuntos Sociais, Eugenia Díaz Abella, que estes cans teñan vía libre a todos os lugares e servizos, ao igual que ocorre cos cans guía que acompañan as persoas cegas.
Estes cans, aseguran desde a fundación Mariscal, están adestrados para repeler ataques físicos, pero tamén lle dan á muller vítima de maltrato un apoio emocional nos momentos máis baixos. Para chegar a este nivel de implicación, a muller e o can deben pasar por un período de coñecemento, durante o que se están dando casos nos que non se lle permite a entrada en lugares públicos.
O alcalde e a concelleira trasladáronlle á Fundación a total receptividade do Concello e o seu compromiso de darlles todo o apoio posible, entendendo o importantes que son servizos que, como este, contribúen a axudar á vida diaria das vítimas de violencia, neste caso contribuíndo á seguridade dos seus desprazamentos cotiás.

Deja un comentario