Venres 19 de Xullo de 2019

Política Social amplía a duración do servizo de respiro familiar no Centro de Educación Especial Miño de Ourense


Facilítase a conciliación das familias e foméntase a autoestima e a adquisición de habilidades por parte das nenas, nenos e adolescentes

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, destacou esta mañá a importancia de poñer a disposición das familias con fillas e fillos con necesidades especiais servizos de conciliación tamén no verán. Díxoo durante unha visita ao Centro de Educación Especial (CEE) Miño, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Amparo González salientou o feito de que a Xunta de Galicia duplicara este ano ata as catro semanas a duración do programa de respiro familiar para as persoas usuarias deste centro, que se puxera en marcha por primeira vez o pasado verán. Desta medida benefícianse na actualidade dez nenas e nenos con necesidades educativas especiais.

Ademais, a directora xeral apuntou que este programa non soamente facilita ás nais e pais a posibilidade de conciliar, tamén fomenta a autoestima e o desenvolvemento das habilidades, capacidades e potencialidades dos menores.

Deja un comentario