Mércores 16 de Outubro de 2019

Resumo de acordos da Xunta de Goberno Local de 11 de xullo de 2019


 

A Xunta de goberno local do Concello de Ourense deu conta esta mañá dun total de 33 asuntos achegados polos diferentes servizos municipais. Entre eles, a convocatoria da vixésima edición do Premio Risco de Creación Literaria, que convocan o Concello de Ourense e a Fundación Risco en homenaxe a Vicente e Antón Risco. Un premio que conta cunha importante dotación económica, de 6.000 euros, e a licitación dun importante servizo da área de asuntos sociais como é o de comida no fogar, cun orzamento de 453.600 euros por 2 anos.

Na parte xurídica, deu conta de 11 asuntos. Entre eles, unha sentenza favorable ao Concello en relación coa contratación do grupo The Waterboys para un concerto das festas do ano 2015 que non se chegou a levar a cabo. O Xulgado non admite o recurso da empresa que organizaba o concerto, que demandaba unha indemnización superior á fixada en Instancia.

Tamén deu conta da sentenza do Xulgado do Contencioso sobre a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada polos propietarios dunha vivenda construída sen licenza en Reza, que posteriormente foi demolida en execución de sentenza xudicial. Reclamaban 300.000 euros, e a sentenza fixa unha indemnización, mais unicamente de 11.000, que admite o propio Concello.

AVOGACÍA CONSISTORIAL (11 ASUNTOS)

– Sentenza favorable ao Concello en relación coa contratación do grupo The Waterboys. O Concello de Ourense contratara á empresa Sweet Nocturna S.L. un concerto do grupo británico nas festas de 2015. O concerto non se chegou a celebrar. A empresa reclamoulle ao Concello unha indemnización por importe de 46.585 euros. O Xulgado do Contencioso administrativo número recoñeceulle o dereito a recibir unha indemnización, aínda que sensiblemente inferior: 27.915 euros.

Non conforme coa decisión, a empresa presentou recurso de apelación diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia coa finalidade de obter os 46.585 euros que reclamaba. Na sentenza que hoxe foi coñecida pola xunta de goberno local, o tribunal inadmite o recurso porque de acordo coa lexislación vixente a contía mínima para interpoñer un recurso de apelación é 30.000 euros, e neste caso son 18.670 euros.

Por este motivo, inadmite o recurso e confirma a sentenza de instancia

– Sentenza do Xulgado Contencioso administrativo número 2 sobre a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada polos propietarios dunha vivenda construída sen licenza en Reza, que posteriormente foi demolida en execución de sentenza xudicial.

Estes particulares reclamaban unha indemnización de 300.000 euros, que non foi concedida polo Concello. Disconformes coa decisión, presentaron recurso ante o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2.

Na sentenza que hoxe coñeceu a xunta de goberno local, o xulgado estima aínda que só parcialmente o recurso ao entender que o Concello debe unicamente abonarlles gastos ocasionados por importe de 11.121,90 euros, uns gastos aos que o Concello mostra tamén a conformidade.

A sentenza é firme e contra ela non cabe interpoñer recurso.

– 2 sentenzas do Contencioso número 1 desfavorables pois estiman recursos de 2 locais de hostalería contra acordos do Concello que lles revocaban a autorización de 3 veladores na rúa Parque de San Lázaro

– Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que desestima o recurso doutro hostaleiro que solicitaba cambio de titularidade de veladores solicitados nunha cafetería do Casco Vello. O tribunal confirma a sentenza favorable ao Concello que ditara o Contencioso.

– Sentenza do Contencioso número 2 que desestima o recurso dunha veciña de O Burgo, en Palmés contra a resolución da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que declarou legalizables as obras de rehabilitación e ampliación dunha edificación que outro veciño realizara na mesma localidade.

– Sentenza do mesmo tribunal que estima o recurso dun aspirante a Policía local correspondente á oferta pública de emprego de 2013 contra a súa exclusión da proba física. A sentenza recoñécelle o dereito a ser declarado apto na proba de resistencia de 1.000 metros, e condea ao Concello a realizarlle as probas restantes en idénticas condicións ás que se lle realizaron aos demais aspirantes, cos efectos que isto teña.

– Sentenza do mesmo xulgado que estima o recurso de dous particulares por unha reclamación de responsabilidade patrimonial e lles recoñece o dereito ao abono de 11.121,90 euros por gastos para a obtención dunha licenza.

– Auto do Xulgado de Menores que declara o sobreseimento provisional das actuacións seguidas contra un menor por un delito leve de danos en bens de titulariedade municipal, xa que o Concello constatou que non houbera danos.

Finalmente, deu conta de que o Concello deberá comparecer diante do Xulgado do Contencioso nº 1 en 2 procedementos abreviados interpostos por particulares contra unha multa de estacionamento e unha liquidación tributaria

ALCALDÍA (1)

– Acordouse revogar as delegacións de competencias realizadas por acordo da Xunta de Goberno Local do día 27 de xuño na concelleira Ana Isabel Rebanales relativas á área de Seguridadre Cidadá e Comercio e delegar na Alcaldía estas competencias.

SERVIZO DE LICENZAS URBANÍSTICAS, DE ACTIVIDADE, APERTURA E DISCIPLINA

LICENZAS (6)

Aprobou 6 acordos:

– Conceder licenza urbanística de obra para a instalación de ascensores en 2 edificios de vivendas sitos nas rúas Progreso e Río Xares

– Conceder licenza para proxecto de demolición de edificio de vivendas sito na rúa Zurbarán

– Conceder licenza de obra para reforma de vivenda sita na Rúa Reza

– Conceder licenza urbanística de obra para a reforma de portal e instalación de plataforma elevadora nun edificio na rúa Juan XXIII

– Autorizar a un particular a execución de obras por medidas urxentes de consolidación de muros de mapostería nunha vivenda en Lugar de Vilar de Astres

– Conceder unha prórroga de 6 meses para o inicio das obras de demolición dunha edificación na rúa Manuel Murguía

APERTURAS (3)

– Conceder licenza de obra para proxecto de adaptación de local para uso de exposición e venta de mobles na Avenida Ribeira Sacra

– Conceder licenza de obra ao “Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia” para a reforma de local para oficinas da Sede da Delegación do colexio en Ourense, na rúa Avilés de Taramancos número 38

– Conceder licenza de obra de ampliación de local para centro de formación sito na Rúa Fonte do Bispo

SERVIZO DE PLANEAMENTO, XESTIÓN URBANÍSTICA E PATRIMONIO

PATRIMONIO (4)

– Desestimar a reclamación de responsabilidade patrimonial presentada por unha particular por lesións sufridas por unha caída na rúa Concello porque non concorren os requisitos que dan dereito a unha indemnización.

– Requirirlle a un conductor e á súa compañíia de seguros a que indemnicen en 255,05 € ao Concello polos danos causados nun sinal vertical

– Inadmitir dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial presentada por particulares polas lesión sufridas como consecuencia dun tropezo na beirarrúa da avenida de Santiago e na parada de autobús da Avenida de Marín por non ser o Concello de Ourense a Administración competente para resolvelas. As dúas actuacións remítense á Unidade de Estradas do Estado, titular das vías

SERVIZO DE CONTRATACIÓN (2)

– Adxudicar os contratos do servizo de mantemento de 4 aplicacións informáticas do Concello, por un prezo anual de 7.604,85 euros durante 2 anos, e desistir do procedemento para contratar o mantemento doutra

– Aprobar o expediente para contratar, o servizo de comida no fogar coa correspondente aprobación das cláusulas administrativas e técnicas, por un importe anual de 226.800 € al año por un período de 2 anos,

CULTURA (1)

Finalmente en Cultura aprobáronse as bases e a convocatoria da vixésima edición do Premio Risco de creación literaria. Un certame anual que convocan o Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco co fin de abranguer os diferentes campos da obra de Vicente Martínez-Risco e do seu fillo Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta cidade.

Ao Premio Risco de Creación Literaria do xénero narrativo poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.

Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300. O prazo de entrega rematará o venres día 20 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Ourense, na Praza Maior. O certame literario conta cun premio de 6.000 euros e a publicación da obra gañadora

Deja un comentario