Venres 19 de Xullo de 2019

A Xunta inviste un millón de euros para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro que promovan unha minaría sustentable


O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar esta iniciativa dirixida a entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa minaría que desenvolvan a súa actividade en Galicia, incluíndo ás universidades e aos colexios profesionais de enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos

A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude para optar ás axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro que promovan unha minaría sustentable en Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria no que inviste un millón de euros apoiando o 80% do investimento total subvencionable ata un máximo de 100.000 euros por proxecto ou actuación.

Os apoios están dirixidos, en concreto, ás institucións sen ánimo de lucro relacionadas coa minaría que desenvolvan a súa actividade en Galicia, entre as que se inclúen expresamente as universidades con ensinanzas universitarias e/ou de apoio á investigación en ámbitos do coñecemento relacionados coa minaría e os colexios profesionais dos enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos, entre outras.

O obxectivo principal da iniciativa é apoiar a incorporación da sustentabilidade ambiental e social no ámbito da minaría. Para iso, apoiaranse as accións que contribúan á mellora das prácticas preventivas e ambientais deste sector; ao fomento da investigación e a innovación en sistemas de explotación e de tratamento mineiros innovadores; que promovan a transferencia de coñecemento e un aproveitamento máis racional e eficiente dos recursos con fin de xerar valor e un desenvolvemento económico sustentable e integrador social e territorialmente. Así mesmo, o programa de axudas tamén apoia aquelas accións que promovan a investigación e divulgación da historia da minaría de Galicia, así como a recuperación e a posta en valor do patrimonio mineiro.

Primaranse as actuacións que teñan como obxectivo principal a sustentabilidade e que destaquen pola súa calidade técnica e a aquelas entidades que fomenten a responsabilidade social corporativa, que promovan a integración laboral das persoas con capacidades diferentes e que aposten pola igualdade de xénero.

Deja un comentario