Mércores 18 de Setembro de 2019

A Deputación de Ourense propón talleres tecnolóxicos para a mocidade ourensá


A institución provincial, a través da iniciativa ICC Kids, ofrece en colaboración con diferentes concellos da provincia, diversas propostas recreativas durante a época estival

A Deputación de Ourense, a través da iniciativa ICC Kids, ofrece en colaboración con diferentes concellos da provincia, diversas propostas recreativas durante a época estival para a mocidade ourensá. Dentro destas actividades inclúense obradoiros de deseño de videoxogos, cine 3D, robótica, realidade virtual, impresión 3D e audiovisual.

Os obradoiros de verán da ICC Kids teñen como obxectivo ensinar a pensar a través de distintos programas educativos nos que o emprego da tecnoloxía como ferramenta creativa é o eixo principal da actividade.

A modalidade dos cinco obradoiros tecnolóxicos deste 2019 son semanais, con xornadas que durarán desde as 10.00 horas ás 13.00 horas, e levaranse a cabo entre o 29 de xullo e o 30 de agosto cun total de 140 prazas para asistentes con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. Esta oferta recreativa poderase gozar nos municipios de Ribadavia, Celanova, O Carballiño, Bande e Xinzo de Limia.

Os obradoiros son gratuítos, con cupos limitados e requiren de inscrición previa que poderá realizarse online ou nas propias Aulas Cemit dos concellos, a partir do día 9 de xullo. A Aula Cemit de Ribadavia do 29 de xullo ao 2 de agosto, Aula Cemit do Carballiño do 12 ao 16 de agosto, e a Aula Cemit de Bande do 19 ao 23 de agosto, todas elas traballarán coa realidade virtual. Con estes obradoiros preténdese crear unha experiencia interactiva na que os participantes non só observen, senón que tamén constrúan, movan, debuxen e creen o seu propio entorno dixital. Para elo, contarán cunha plataforma coa que crear, explorar e compartir mundos tridimensionais.

Pola súa parte, a Aula Cemit de Celanova do 5 ao 9 de agosto e a Aula Cemit de Xinzo de Limia do 26 ao 30 de agosto, ofrecerán aos asistentes a posibilidade de introducirse no mundo do deseño e desenvolvemento de videoxogos e aprenderán as bases artísticas e tecnolóxicas nas que se basea esta industria. Mediante o programa de Scratch, que é unha linguaxe de programación creado polo MIT e especialmente deseñado para que todos poidan comezar no mundo da programación. Tamén se empregará unha plataforma web para o desenvolvemento de xogos 2D en “scroll lateral”, tendo a opción de crear o teu propio xogo cos elementos, xa sexan pezas de escenario ou inimigos, podendo editar as características de cada un, tales como o efecto que teñen sobre as personaxes, a súa resistencia… e máis aspectos que poderán aprender ao longo dos obradoiros.

Deja un comentario