
Na xuntanza de traballo analizáronse ademais as necesidades de Lobios en materia de infraestruturas preventivas e avanzouse na mellora de accesos para os servizos e medios de extinción, especialmente en áreas naturais protexidas
A Xunta e o Concello de Lobios colaborarán na posta en marcha dunha iniciativa pioneira en Galicia para mellorar a implicación veciñal na defensa e prevención fronte os incendios forestais. Trátase de fomentar o seu papel activo nesta materia mediante a súa colaboración en eidos como a vixilancia, así como a súa aprendizaxe diante deste tipo de situacións, mediante a realización de cursos de formación específicos.
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, para avanzar neste proxecto, que tería inicialmente un carácter experimental, para avaliar a súa eficacia e considerar logo a posibilidade de trasladalo a outros municipios galegos.
Na xuntanza de traballo, na que tamén estivo o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, analizáronse ademais as necesidades deste concello ourensán no que atinxe ás infraestruturas preventivas, especialmente enfocadas á defensa de incendios procedentes de Portugal. Tamén se traballou no deseño de actuacións de mellora de accesos en determinadas áreas para os servizos e medios de extinción, tendo en conta de que se trata de salvagardar zonas protexidas de alto valor.
Deja una respuesta
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.