Venres 19 de Xullo de 2019

Marisol Díaz Mouteira recibe á nova presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense


A delegada territorial da Xunta en Ourense brindoulle a Marisol Nóvoa Rodríguez diálogo e colaboración para traballar na evolución da economía da provincia

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá á nova presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, CEO, Marisol Nóvoa Rodríguez. A representante do Goberno galego mantivo así o seu primeiro encontro institucional con Nóvoa desde que foi elixida, hai un mes, presidenta da patronal ourensá.

Na xuntanza, na que estiveron tamén outros membros da nova xunta directiva, abordáronse diversos aspectos nos que ambas institucións están implicadas e analizáronse liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial na provincia. Neste senso, Díaz Mouteira ofreceulle á nova presidenta da CEO diálogo e colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no impulso da economía da provincia.

A delegada territorial lembrou ante Nóvoa Rodríguez as tres liñas nas que o Executivo galego está a traballar co obxectivo de activar a economía: a internacionalización, a innovación e o emprendemento. Marisol Díaz Mouteira apelou á implicación da patronal no labor de manter o crecemento do emprego e da economía na provincia de Ourense, “xa que sen a contribución do tecido empresarial, que cada vez produce máis e mellor, sería moi difícil lograr un bo comportamento da economía galega”.

Deja un comentario