Domingo 15 de Decembro de 2019

O CeMAC 2019 analiza as novas fronteiras do audiovisual galego


 

A XVI edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova celebrarase do 9 ao 12 de xullo no Auditorio Ilduara da vila de San Rosendo

A XVI edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, o CeMAC 2019, analizará as novas fronteiras do audiovisual galego do 9 ao 12 de xullo no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova. A presentación do curso tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; a directora de Dinamización cultural do Campus de Ourense, Ana Torrado, e o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández.

O CeMAC, que promove a Fundación Carlos Casares coa Deputación de Ourense, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova e coa colaboración de AGADIC, converteuse “no foro audiovisual de referencia de Galicia, onde especialistas do sector analizan a creación audiovisual en tódalas súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores”, explicou Rosendo Fernández.

O tema desta edición Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización supón unha nova achega na liña temática iniciada hai dezaseis anos. “Trátase dun esquema repartido nas 30 horas de duración do curso que posibilitará ao alumnado acceder aos segredos destas producións, e tamén a que poidan contactar directamente con profesionais do sector”, sinalou o director do CeMAC.

O programa desta edición está relacionado coa internacionalización pois “collemos produtos como a serie “Hierro”, obra dunha produtora galega para Movistar con mercado internacional; “Feedback”, a produción máis recente da da produtora líder en Galicia que foi rodada integramente na Coruña; e “Trote” que é a última película recente estreada en galego. Así como un espazo tamén dedicado ás curtametraxes”, explicou Miguel Anxo Fernández.

Ao abeiro do curso, por décimo ano consecutivo, desenvolverase o Taller Audiovisual “Celanova, plató de ficción”, baixo a dirección de Paulino Pérez. Esta actividade, dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. O taller comeza a gravar “uns días antes do CeMAC e desenvolverase ao longo do ano. A webserie deste ano chámase “Destapando Casares” e participan nela 16 alumnos de Comunicación xunto con 7 actores que rodaron no Campus de Ourense”, engadiu o director do CeMAC.

Pola súa parte, Ana Torrado manifestou a “satisfacción” da Vicerreitoría do Campus de Ourense de colaborar con esta actividade porque é “unha honra colaborar coa Fundación Carlos Casares na difusión da cultura e contribuír no desenvolvemento da sociedade, sobre todo, a través da comunicación audiovisual que é unha das ferramentas máis efectivas na transmisión de valores. E tamén por poder saír do Campus e achegarnos a toda a provincia”.

Neste mesmo sentido, o alcalde de Celanova agradeceu a tódalas institucións que “participen no curso que, desde hai 15 anos, sitúa a Celanova nun lugar referente do mundo audiovisual”, mentres que Xavier Casares lembrou o gran interese que tiña Carlos Casares polo cine afirmando que, por iso, “estaría moi satisfeito coa celebración destes cursos”.

Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web https://culturxst.uvigo.es ata o día 9 de xullo.

Deja un comentario