Venres 13 de Decembro de 2019

A Xunta e os veciños de Osmo avanzan na definición técnica do proxecto de “aldea modelo” neste núcleo do concello de Cenlle


Miguel Pérez Dubois reiterou as vantaxes de xerar actividade agrogandeira nas franxas próximas ás vivendas, para convertelas así nunha devasa natural diante do lume e ao tempo crear actividade económica

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse  co alcalde do concello ourensán de Cenlle, Gabriel Alén, e cos veciños de Osmo. O encontro, no que participaron tamén técnicos que van xestionar a iniciativa, celebrouse para avanzar na definición do proxecto de “aldea modelo” neste núcleo de poboación, que recentemente presentou a primeira candidatura de Galicia para incorporarse á actuación promovida pola Consellería do Medio Rural.

A xuntanza, de carácter técnico, dá continuidade á mantida con eles o pasado 23 de xuño polo propio conselleiro José González e na que lles felicitou pola súa candidatura e lles avanzou o apoio da Xunta para levala adiante.

O proxecto de “aldea modelo” ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens da ameaza dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas. Neste caso concreto, o concello de Cenlle propuxo o núcleo de Osmo por dispoñer dunhas 20 hectáreas de terreo abandonadas nas súas franxas de protección e que no pasado tiveron un aproveitamento agrícola ou gandeiro.

Trátase de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias, aquelas que están máis próximas aos núcleos de poboación, para poñelas a producir. Así, unha vez limpas, porase en valor ese terreo creando actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Estes espazos funcionarán como devasa natural fronte o lume, xa que desenvolvendo actividade económica nestas áreas non será preciso rozar todos os anos.

O de “aldeas modelo” é un proxecto impulsado por Medio Rural dentro do convenio de protección das aldeas fronte os incendios asinado coa empresa pública Seaga e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Deja un comentario