Mércores 23 de Outubro de 2019

Díaz Mouteira lembra aos vinte desempregados que participan no obradoiro dual ‘Ribeiro en marcha’ a estreita ligazón entre a formación e as oportunidades laborais


A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta iniciativa de emprego que ofrece formación ao alumnado nas especialidades de fábrica de albanelería e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o obradoiro dual ‘Ribeiro en marcha’ no que 20 desempregados achegados dos concellos pertencentes á Mancomunidade do Ribeiro, promotora desta iniciativa de emprego, contan cun contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses para especializarse en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e fábrica de albanelería.

A representante autonómica animou aos alumnos que están a participar neste taller a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda” e a seguir mellorando a súa cualificación para acceder a un posto de traballo. Ao fío, recordou que os obradoiros de emprego permiten, ademais, aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Na visita, Díaz Mouteira indicou que os obradoiros forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo a delegada territorial, é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así referiuse á principal novidade da modalidade dual dos obradoiros que permite que parte dos seus participantes conten, unha vez finalizado o período inicial de nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada na zona, e cunha actividade vinculada ás materias nas que se están formando.

Este tipo de programas mixtos de formación e emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.

A delegada territorial subliñou que os obradoiros son unha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional.

Os 20 alumnos que se están a formar e traballar neste obradoiro realizan labores xardinería e albanelería en núcleos de poboación dos concellos pertencentes a esta entidade supramunicipal: Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro.

Este programa mixto de formación e emprego ten previsto rematar a mediados do vindeiro mes de agosto e durante os nove meses da súa duración o alumnado desenvolveu, entre outras actuacións, o acondicionamento do espazo público para lecer nas Lombas, en Arnoia; a zona verde na área do Salgueiral e a cubrición dos vestiarios do campo de futbol de San Bartolomé, en Leiro; a recuperación ambiental do paseo das bieras do río Miño e a construción de beirarrúa e de zona axardinada fronte á Casa Consistorial, en Cenlle; a mellora de espazos públicos en Beade; e a recuperación dun sendeiro no parque termal A Carballeira e axardinamento das zonas verdes do campo da feira, en Cortegada.

21 obradoiros na provincia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que inviste 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e o resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

Deja un comentario