Sábado 07 de Decembro de 2019

Díaz Mouteira reúnese coa nova alcaldesa da Pobra de Trives e bríndalle a colaboración da Xunta para seguir a avanzar no progreso do municipio


Esta xuntanza da delegada territorial da Xunta en Ourense enmárcase nos encontros que está a manter cos rexedores da provincia logo da constitución das novas corporacións locais

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu esta mañá no seu despacho á nova alcaldesa do concello ourensán da Poboa de Trives, Patricia Domínguez Barja. O propósito deste encontro, como lle explicou Díaz Mouteira á recén elixida alcaldesa deste municipio, é “coñecer aos rexedores e rexedoras que exercen o seu cargo por primeira vez na provincia, co obxectivo de saber cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”. Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Marisol Díaz iniciou o pasado de mes xuño, logo da constitución das novas corporacións locais, co fin de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar os futuros proxectos a executar.

A representante do executivo autonómico en Ourense brindoulle á nova alcaldesa toda a colaboración da Administración autonómica co fin de lograr o progreso e benestar deste municipio ourensán. Así, analizaron os proxectos que este concello ten solicitados diante da Xunta para os próximos meses e o seu estado de tramitación. En 2019 a Vicepresidencia outorgoulle a este concello case 30.000 euros, ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, para melloras no saneamento, mentres que a Consellería de Cultura e Turismo destina máis de 12.000 euros para a sinalización e adaptación da ruta do río Cabalar e a Vía Nova.

Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de preto de 1,7 millóns de euros. Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio da Pobra de Trives máis de 715.000 euros en materia de subvencións; 110.000 euros en convenios; e máis de 860.000 euros pertencentes a outras actuacións.

A delegada territorial subliñou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a rehabilitación e mellora da praza de abastos, mellora de infraestruturas de uso público, estradas e camiños municipais de acceso a explotacións agrarias, construción de sendas peonís, así como a creación dunha pista polideportiva, entre outras actuacións.

Finalmente, Díaz Mouteira fixo fincapé na importancia de continuar a executar proxectos de mellora no concello e subliñou as vantaxes da colaboración entre as distintas institucións, xa que sumando esforzos se poden levar a cabo actuacións que benefician directamente aos cidadáns.

Deja un comentario