Mércores 23 de Outubro de 2019

O artista David Catá gaña o primeiro premio do XV Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense


O xurado que fallou o galardón hoxe, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, destacou “o elevado nivel de calidade dos traballos presentados”

O artista David Rodríguez Casas (David Catá) foi o gañador do primeiro premio, dotado con 3.000 euros, da XV edición do Certame de Artes Plásticas, que convoca a Deputación de Ourense para artistas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, pola súa obra “Piano”.

Segundo a acta do xurado a obra premiada é “un traballo que inclúe fotografía e un audiovisual con música tamén composta polo propio autor”. Así mesmo, o xurado salientou a capacidade do artista para despregar a evidente contradición entre a poesía e ata o romanticismo das súas imaxes coa contraposición dun certo grao de violencia.

O segundo premio, dotado con 2.000 euros, foi para a obra “S/T incompatibles”, traballo da autora ourensá María del Mar Ramón Soriano, por unha obra “realizada con cerámica con marcado carácter conceptual”, explica o xurado. Mentres que, o terceiro premio, dotado con 1.000 euros, recaeu en David Fidalgo Omil pola obra “Los dinosaurios nunca se extinguieron”, un traballo que, segundo o xurado, consiste nun audiovisual animado con debuxos do propio autor e cunha forte carga irónica.

Asemade, este certame, un dos máis consolidados e prestixiosos de Galicia, conta con dous accésits de 500 euros cada un deles, que foron para Sol Mussa Juane coa súa obra “Pintura cubrinte” e para María García Fernández polo traballo “Erosión Desplegada. La erosión construye montañas”.

Este certame que convoca a institución provincial co obxectivo de promover e apoiar aos novos valores nos distintos eidos das artes plásticas está destinado a premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. O xurado do certame destacou o “elevado nivel de calidade dos traballos presentados”. En total presentáronse a esta XV edición setenta traballos procedentes de tódalas provincias galegas e de diferentes puntos da xeografía española.

O xurado estivo integrado por Paula Cabaleiro Comesaña, Ángel Cerviño López, Juan Carlos Román Redondo, Eva Torres Rodríguez, e en calidade de secretario do xurado, o director do centro cultural, Francisco González Bouzán.

De acordo ás bases do Certame, as obras que recibiron algún dos premios con dotación económica quedarán en propiedade da Deputación de Ourense, que organizará no mes de setembro, unha exposición cunha selección dos traballos presentados, así como o seu correspondente catálogo.

Deja un comentario