Xoves 12 de Decembro de 2019

Manuel Baltar, elixido presidente da Deputación de Ourense para o mandato 2019-2023


 

No seu primeiro discurso nesta nova etapa ao fronte do goberno provincial destacou as palabras “humildade” e “reilusionar”: “Humildade, que sempre debe caracterizar a representación política, e reilusionar, tendendo pontes con persoas e institucións”

Manuel Baltar foi elixido hoxe presidente da Deputación de Ourense para o mandato 2019-2023, na sesión plenaria celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial, na que foi proclamado presidente por maioría absoluta. No seu primeiro discurso nesta nova etapa ao fronte do goberno provincial, destacou as palabras “humildade” e “reilusionar”: “Humildade, que debe sempre caracterizar a representación política, e reilusionar, pensando nun mellor Ourense, onde todos sexamos protagonistas”.

Neste sentido, remarcou que neste novo escenario político -no que acada a Presidencia da Deputación de Ourense co apoio do seu grupo, o Partido Popular, e de Democracia Ourensana, formación coa que desenvolverá un goberno de coalición- “hai dúas verbas que presiden esta miña intervención: humildade e reilusionar. A humildade que debe caracterizar sempre a representación política; que significa aprender da xente, e á que defino como facer política sen deixar de mirar á provincia, e que se basea no recoñecemento dos erros para superalos e non volver a cometelos”. “A forma máis rápida de avanzar é recoñecendo aquelo que puidemos facer mellor. Todos nos equivocamos e a nosa tarefa é acertar nas decisións e corrixir as erradas”, dixo.

Asemade, salientou que “reilusionar” significa “facer de Ourense un lugar que atraia talento, e implica amosar a nosa mellor cara, sorprender positivamente coa nosa gobernanza. Reilusionar persigue que os feitos falen por nós, e pretende tender pontes con persoas e institucións, sempre cun obxectivo preferente desde esta administración pública: os servizos que se prestan nos concellos da nosa provincia. A Deputación ten que ser a gran consultora dos concellos de Ourense. Ese apoio que seguirá sendo o noso principal leitmotiv, a todos os concellos, por suposto tamén ao da capital da provincia”.

“Un mellor Ourense”

Baltar, quen comezou a súa intervención salientando: “Son ourensán, creo en Ourense e sinto paixón por Ourense”, dixo que o programa co que se presentou para gobernar a provincia, o “Ourense 72-73”, “convértese desde hoxe en plan de mandato, a folla de ruta da visión integral da provincia que defendemos cun obxectivo: un mellor Ourense”, e dixo sentirse satisfeito do balance do pasado mandato, co desenvolvemento do Plan “Ourense 15-19”, do que salientou como resultados “a débeda cero acadada pola Deputación de Ourense; o liderado nacional en transparencia e a visibilidade de Ourense nos órganos de discusión e en foros nacionais e internacionais”.

No seu discurso o presidente provincial puxo o acento en que “a nosa tarefa común” é ter sempre a “Ourense por riba de calquera outro interese, ben seguro que aí nos encontraremos e que sumaremos esforzos. Porque só acadando compromisos e consensuando proxectos, seremos mais fortes en Santiago, Madrid, Bruxelas e nos principais centros de poder político e económico, onde Ourense merece estar máis presente. Tamén en calquera parte do mundo onde haxa alguén da nosa estirpe, porque a ourensanía non ten lindeiros”, expresou Baltar.

Situando o diálogo e o acordo no centro do seu discurso, Baltar destacou: “Aproveitemos, pois, a evidente renovación -13 dos 25 deputados- para chegar a acordos superadores de intransixencias, atallemos a marxinación con unidade e afouteza. Elevemos Ourense entre todos, poñéndoa á altura que lle corresponde nunha Galicia autónoma que, por suposto, debe aspirar a maiores cotas de autogoberno, como nacionalidade histórica, como nación cultural diferenciada, solidaria e xenerosa, nunha España plural que avance e non retroceda; un conxunto de pobos e de identidades distintos, historicamente unidos. Fagámonos ouvir, así mesmo, aportando o mellor que temos e reclamando o que nos corresponde na Europa unida, especialmente no ámbito das entidades de goberno intermedias e do municipalismo”.

Baltar citou a Méndez Ferrín, Basilio Álvarez e Marcos Valcárcel, referindo deles textos e iniciativas dirixidas ao entendemento e á concordia. “Penso que debemos aprender da Historia -afirmou-, pero fundamentándonos no presente e proxectándonos no futuro. Pola nosa parte, o ideario segue a ser o mesmo: centrismo, galeguismo, reformismo, municipalismo e europeísmo. Neste mandato a provincia acadará a ansiada condición de porta de entrada do AVE en Galicia, exercendo con máis razón a capitalidade da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

Política de pacto e acordo

O presidente da Deputación dixo que a política do pacto e do acordo “visualizase hoxe aquí coa miña nova investidura, da que considero máis alta honra política: presidir Ourense”. “Esa política do pacto que viñemos practicando para lograr a unanimidade na miña elección como presidente de Partenalia, a asociación europea de gobernos provinciais, con presidentes de todas as cores políticas; como vicepresidente na Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, ou esta mesma semana coa elección como presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, unanimidade de gobernos de 51 sitios termais de Europa que pertencen a 20 nacións. Iso é diálogo e altura de miras, xestión política e liderado institucional. Iso é Ourense”.

Manuel Baltar subliñou o orgullo de pertenza á nosa terra: “Fagamos Ourense desde a igualdade, pensando no futuro da nosa mocidade e poñendo en valor o compromiso con esta terra dos nosos emigrantes”, e citou como exemplos á cardióloga, Marisa Crespo Leiro, directora da Unidade de Transplantes de Corazón do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, quen hoxe recibe a Medalla Castelao e a quen aproveito para felicitar; fagamos Ourense coa ambición e visión da ourensá Laura González Molero, presidenta da Asociación para o Progreso da Dirección, cando di que “estar en Ourense xa non é unha limitación. Hai grandes empresas e haberá máis”. E fagamos Ourense coa inspiración da paleoantropóloga ourensá, María Martinón-Torres, a primeira española recoñecida polo Real Instituto Antropolóxico de Gran Bretaña e Irlanda”.

Sobre as perspectivas da etapa 2019-2023, Baltar destacou que será “o mandato do Xacobeo 21, no que os camiños de Santiago que atravesan o noso territorio cobrarán maior protagonismo”. “Consolidaremos a Ourense como a gran provincia termal de Europa, e aquí abrirá as súas portas o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional e o edificio Provincia Intelixente, que acollerá máis e mellor emprego tecnolóxico”, salientou, remarcando que seremos “Patrimonio Mundial da UNESCO, distinción que ostentará a Ribeira Sacra, incrementando así o turismo de calidade”.

Asemade, Manuel Baltar dixo que o goberno provincial promoverá, da man da Universidade de Vigo, o Observatorio Internacional do Medio Rural, “unha excelente oportunidade para innovar e poñer en valor o noso potencial agroalimentario e forestal, outra ferramenta tamén para as políticas que debemos seguir implementando no ámbito do reto demográfico”, e rematou o seu discurso volvendo ás verbas “humildade” e “reilusionar”: “Humildade como actitude permanente e reilusionar como obxectivo de goberno irrenunciable”.

Deja un comentario