Xoves 12 de Decembro de 2019

O secretario xeral para o Deporte visita o ximnasio de Ponte Noalla (San Cibrao das Viñas) onde a Xunta reformará a instalación térmica cunha actuación superior aos 30.000 euros


En total, neste 2019, a provincia de Ourense verase beneficiada por obras que superarán os 600.000 euros nun total de 12 concellos e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello ourensán de San Cibrao das Viñas xunto ao seu alcalde, Manuel Pedro Fernández, onde visitou o ximnasio municipal sito en Ponte Noalla no que a Xunta de Galicia realizará unha actuación de ampliación da instalación de climatización para satisfacer as necesidades de confort para o desenvolvemento das actividades deportivas garantindo as condicións técnicas e legais das propias instalacións. A actuación contará cun investimento duns 30.807,87 euros, achegados polo Goberno galego na súa totalidade.

A zona na que se realizará a devandita ampliación da instalación térmica será ma sala 1 destinada a aparatos de diversos exercicios de adestramento físico como bancos de pesas, bicicletas estáticas, bancadas, cintas, elípticas, remo, musculación, carreira, spinning… entre outras actividades para asegurar as necesidades de refrixeración e calefacción durante todos os días do ano mellorando as condicións climáticas actuais.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia. Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, neste 2019, a provincia de Ourense verase beneficiada por obras que superarán os 600.000 euros nun total de 12 concellos (O Carballiño, Castro Caldelas, Cenlle, A Gudiña, Laza, Lobeira, Lobios, Muíños, Riós, San Amaro, San Cibrao das Viñas e Ourense) nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de preto de 400.000 euros.

Deja un comentario