Xoves 12 de Decembro de 2019

Emilio Celeiro fai un percorrido polo seu traballo pictórico, escultórico e como gravador na mostra “Retrospectiva”


 

A mostra será inaugurada hoxe ás 20.00 horas, no centro cultural “Marcos Valcárcel”

O artista Emilio Celeiro fai un percorrido polo seu traballo pictórico, escultórico e como gravador na mostra “Restrospectiva” que foi presentada hoxe, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.

Emilio Celeiro, escultor, pintor e gravador galego, é un dos autores máis versátiles no dominio dos procedementos como demostra esta exposición “Retrospectiva”. A mostra, aínda que ten pezas illadas, no seu conxunto predominan dúas grandes imaxes: os peixes e as rodas.

Neste sentido, o director do centro cultural, quen agradeceu ao artista a súa paciencia logo de estar tres anos esperando para expor neste centro, dixo que nesta exposición fai “un percorrido por gran parte da súa carreira, con obras antigas que datan de 1959 ata outras recentes do ano 2016. Polo que se trata dun período amplo, variado e plural para coñecer os camiños da súa traxectoria, os cales non se afastan da esencia que marcou sempre o seu traballo”.

Ademais, Francisco González destacou que tanto a obra como a personalidade do artista “reflicten a idiosincrasia do galego, xa que foi emigrante e desenvolveu parte do seu traballo en Venezuela, aínda que co tempo retornou a Galicia logrando un gran recoñecemento ao seu traballo”.

Pola súa parte, o artista salientou a emoción que sentiu ao ver a súa obra exposta no centro cultural polo ben que armoniza na sala a iluminación, coa cor e as formas. A exposición non tivo comisario, así que o deseño da mesma é “íntegro do persoal do centro cultural”, engadiu Francisco González. A exposición, que pode visitarse ata o día 15 de agosto, será inaugurada hoxe ás 20.00 horas.

Deja un comentario