Xoves 12 de Decembro de 2019

A cidade bretona de Quimper visitará o Entroido de Ourense


Representantes da delegación de Quimper avanzaron esta mañá, nunha reunión na Casa do Concello, a súa intención de que o comité de irmandade da cidade francesa visite o ano que vén a nosa cidade

Os concelleiros de Cultura, Mario González, e de Infraestruturas, Miguel Caride, mantiveron esta mañá unha xuntanza na Casa do Concello con representantes do comité de irmandade entre as cidades de Ourense e a francesa de Quimper, Roger Gadonna e Norbert Buenafuente. Nela repasaron as diferentes liñas de colaboración que ambas cidades manteñen en materia de intercambio de coñecemento e experiencias e desenvolvemento de iniciativas conxuntas, centradas nos ámbitos educativo, social ou actividade deportiva.
Os representantes da delegación de Quimper avanzaron a súa intención de que o comité de irmandade da cidade francesa visite o ano que vén Ourense coincidindo coa celebración das Festas do Entroido. A cidade francesa realiza cada ano unha visita a Ourense, e neste caso consideran “de especial interese” coñecer esta festa de interese turístico, emblemática e un dos eixos do calendario festivo da cidade. Esta iniciativa resulta de especial interese para a cidade de Ourense, xa que contribuirá á divulgación máis aló das nosas fronteiras dunha das nosas festas máis sobranceiras.
A cidade de Ourense mantén lazos de irmandade con Vila Real (Portugal) desde 1981, co distrito cubano Plaza de la Revolución (2000), con Tlalnepantla de Baz (México) desde 2002, e con Quimper (2006).

Deja un comentario