Venres 13 de Decembro de 2019

Medio Ambiente estudará posibles vías de colaboración co Concello de Rairiz de Veiga nun proxecto de humanización de rúas


A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Josefa Asunción Morgade mantiveron esta mañá unha reunión de traballo, na que a rexedora aproveitou para trasladarlle os plans municipais para acometer a mellora do núcleo da Saínza

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estudará posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o Concello de Rairiz de Veiga para levar a cabo proxectos de humanización de espazos públicos neste municipio ourensán. Así llo trasladou Vázquez Mejuto á alcaldesa Josefa Asunción Morgade, con quen mantivo esta mañá unha reunión na que abordaron diversos asuntos de interese relativos a áreas da súa competencia.

Concretamente, a rexedora trasladoulle á conselleira a súa intención de levar a cabo unha intervención urbanística de mellora no núcleo da Saínza, un dos máis poboados do concello e localizado a carón dunha das estradas máis transitadas polos seus veciños, a OU-1114 Vilar de Santos-Ponteliñares. A actuación consistirá na construción de beirarrúas a ambos lados da vía, nun tramo de aproximadamente 200 metros, e na colocación de diversas tubaxes para facilitar a canalización das augas pluviais polas beiras.

Grazas a estas obras, segundo explicou Asunción Morgade, facilitarase e melloraranse as relacións entre a veciñanza nunha zona moi frecuentada e con vivendas a ambos lados pero que, co seu deseño actual, obriga aos peóns a camiñar pola estrada. Neste sentido, a alcaldesa explicou que a construción de beirarrúas neste núcleo é unha vella demanda veciñal que virá reforzar tamén a seguridade viaria na zona e trasladoulle á conselleira a necesidade de contar coa cooperación económica doutras administracións para poder levala a cabo.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos cos concellos a través de diversas liñas de axuda co fin de facilitar o desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas, programas nos que este proxecto podería encaixar.

Deja un comentario