Venres 19 de Xullo de 2019

A Deputación de Ourense destina 224.000 euros a cooperación con concellos en materia de Cultura, Servizos Sociais e Infraestruturas


 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe un total de 224.688 euros para cooperar con concellos da provincia en iniciativas culturais, de servizos sociais e infraestruturas. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita xunta, correspondentes ao venres 14 de xuño de 2019.

En concreto, aprobouse unha axuda de 20.000 euros á Mancomunidade da Comarca de Verín e outra de 70.000 euros para a Mancomunidade de Municipios da Comarca do Carballiño, co obxectivo colaborar no financiamento das actividades destas entidades no presente ano.

O concello de Xinzo de Limia, pola súa parte, recibirá tres axudas: unha delas por importe de 15.000 euros para colaborar na organización da Festa do Esquecemento 2019, a segunda achega de 4.518 euros permitirá mercar novos instrumentos para o Conservatorio da Música da capital limiá, e a terceira axuda, de 15.170 euros, será para axudar coas obras previstas na pista polideportiva da vila. Tamén se aprobou unha axuda de 100.000 euros para o Concello de Cualedro destinada á reforma da antiga escola, para acometer a segunda fase da Casa Niño, servizo que pretende facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos pais.

Por último, aprobáronse dúas modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2019, relativa ao municipio de Vilar de Santos, que incorpora ao plan principal a obra “construción de Fogar Residencia en Vilar de Santos”, cun orzamento total de 210.000 euros, sendo a achega da Deputación de 48.000 euros e a achega municipal de 162.000 euros. E, a segunda modificación refírese ao Concello de Melón, que incorpora ao plan principal a obra “carril-bici na N-120 da parroquia de Quins”, cun orzamento total de 48.000 euros.

Deja un comentario